Suicidarse como salvación. Por @DulceCorcu

Non hai semana onde a violencia machista, en calquera das súas perversas vertentes, non sexa protagonista, especialmente neste cruento verán que está a piques de bater tráxicos récords. Nesta que nos ocupa, unha nena de catorce anos tivo que ser rescatada pendurada dun tendal tentando fuxir dun violador que non era outro que seu propio pai. Tamén seu pai foi o asasino dun rapaz de dezaséis anos en Teruel, acoitelado ao igual que a nai, que sobrevivíu e permanece ingresada nun hospital. Non había denuncias previas. Coma tampouco as había no caso dunha nai e un fillo que se tiraron dunha ponte en Ourense, falecendo ambos no acto. Setenta e vintesete anos respectivamente, e pese a que apenas coñecemos datos da súa vida até chegar a este fatídico momento, sábese que chegaran recentemente de Barcelona cun billete pagado polo Concello barcelonés, fuxindo de home e pai, dun fogar deses onde probablemente nada era o que parecía, nos que de portas para adentro o mundo é outro. E no que a palabra “denuncia” non é só máis que un novo obstáculo no camiño, outro temor ao que enfrontarse. Non sabemos con certeza, pero por desgraza vemos eses desenlaces con demasiada frecuencia.

Nai e fillo viviron catro días de incertidumes e pánico na capital ourensán, rexeitados pola familia que foi motivo da súa viaxe a Galicia, e despois peregrinando ás dependencias dos Servicios Sociais e Policía Local, que foron delegando uns nos outros, pese a unha alerta previa por suicidio do fillo, que foi denunciada por un dos familiares e que fixo que ADIF iniciase o protocolo para estes casos. Pese a todos os medios actuais fisícos e humáns, ningún dos servizos foi quen de detectar o grave estado psicolóxico no que debían atoparse. A única solución era denunciar. Para cando finalmente quixeron facelo, foron remitidos á Policía Nacional a onde xa nunca chegaron. Cansos de contar a mesma historia en tantos sitios distintos. Quizais de xustificarse, de mendigar protección ou axuda. Sós en todos os sentidos, tanto coma para non dar con outra solución máis que matarse, non sen antes deixar os seus obxectos persoais na beira da ponte, ordeados e xuntos, nun derradeiro acto de deixar atrás as cousas que de nada lles serviran e que non precisaban levar con eles.
Que tipo de violencia vivían na casa, que situación persoal dramática debían sufrir, para primeiro fuxir da súa cidade e despois percorrer Ourense na procura dunha salvación que só atoparon debaixo dunha ponte. Matándose. Aínda non sabemos todas as respostas. pero é obvio que nai e fillo acabaron esgotados de dalas. Tardaron pouco en saber que non servirían de nada.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.