Tellado: “Non imos permitir que os socialistas usen o goberno de España para facerlle oposición á Xunta”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que os populares non van permitir que o Goberno de Sánchez  pretenda converter aos galegos en vítimas do bloqueo político e institucional do conxunto de España, nin que os socialistas usen o Executivo central para facerlle oposición á Xunta

Desta forma lamentou que a visita da ministra de Facenda á nosa Comunidade esta semana non dese ningunha solución ao bloqueo dos 700 millóns que o Goberno central lle segue adebedando á Xunta. “Galicia non é responsable de que o PSOE e Podemos fosen incapaces de pactar un goberno, e tampouco ten que pagar a irresponsabilidade de Sánchez e a inestabilidade política na que está España desde a moción de censura”, subliñou recoñecendo que dende o PPdeG non consentirán que o Executivo socialista pretenda xogar cos nosos servizos públicos, coa sanidade, coa educación e coa política social.

Nese senso, tamén remarcou que Galicia leva meses advertindo de que a non actualización das entregas a conta está provocando xa tensións de tesourería na Administración autonómica mentres o Ministerio de Facenda comprometeuse  en varias ocasións a solucionar un problema que lle compete en exclusiva, porque non hai outra alternativa para que a Comunidade reciba os ingresos das entregas a conta comunicados polo Ministerio en 2018.

De igual xeito, lembrou que a Xunta xa solicitou formalmente ao Goberno unha solución inmediata ao impago de 700 millóns de euros por parte do Executivo central e que a situación é delicada porque 530 deses millóns xa están nos Orzamentos da Xunta para este 2019.

Ademais, o Parlamento aprobou o mes pasado solicitar ao Goberno central que pague a Galicia a cantidade que lle debe, unha iniciativa que foi apoiada por todos os grupos salvo o PSOE, que se abstivo. Sobre isto, Tellado engadiu que, coa súa actitude, Gonzalo Caballero amósase cómplice e mesmo artífice dunha operación para evitar darlle á Comunidade o que lle corresponde e que é de todos os galegos.

“Caballero  perdeu unha boa oportunidade de demostrar que vai ao Parlamento a algo máis que a desfrutar das vacacións e que pensa un pouco nos problemas de Galicia”, sinalou insistindo en que o secretario xeral do PSdeG “puido ter comezado a súa andaina como deputado reivindicando o que é de todos os galegos e galegas pero, coma sempre, cando tivo que escoller entre Pedro Sánchez e Galicia, escolleu a Pedro Sánchez”.

GALICIA, LÍDER DA CAÍDA DO PARO EN ESPAÑA

Por outra banda, o número dous dos populares galegos valorou os datos de emprego relativos ao mes pasado nos que se aprecian “luces en Galicia, que amosa o mellor comportamento interanual da Comunidades Autónomas; e sombras no conxunto de España, que presenta os peores datos nun xullo en máis dunha década”.

Deste modo, o secretario xeral puxo en valor que a nosa Comunidade lidere a caída do paro en España, xa que diminúe un 7,64% situándose a niveis inferiores aos de hai máis dunha década e descende case catro puntos máis máis que no Estado. Así mesmo, celebrou que a creación de emprego continúe en crecemento, pois seguimos superando o millón de afiliados á Seguridade Social (cun aumento do 1,56%), sendo xa máis de cinco anos de subidas consecutivas, e coa contratación aumentando en xeral nun 2,13%.

Segundo apuntou, “non é casual que Galicia teña o mellor comportamento no emprego de toda España, xa que Galicia é tamén a Comunidade con maior estabilidade institucional”, salientando que a nosa Autonomía ten Goberno, Orzamento e unha folla de ruta marcada pola aposta polo crecemento económico e o emprego.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diez + 12 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.