Terrorismo estival. Por @DulceCocu

Nove asasinatos machistas só neste pasado mes de xullo. Dise pronto, pero habería que ver á sociedade se se desatase unha epidemia, ou se algún atentado se cobrase tantas vidas nese periodo de tempo. De feito, é o segundo peor mes dende que hai rexistros, só superado polo de 2010. Engádense ao peor semestre de xaneiro a xullo con trinta e sete asasinadas oficiais, porque na práctica son máis aínda que concurran outras circunstancias que non as fagan merecentes dun listado “oficial”. 

Aínda mergullados en pactos electorais, escoitamos o termo “terrorista” con absoluta normalidade e frecuencia, pese a que o derradeiro atentado en España aconteceu no 2017, e o de ETA, que é ó que xeralmente se refiren os nosos políticos, leva máis de dez anos sen atentar, pero aínda así segue en boca de todos, como algo tanxible e real. Tamén, acontece de cotío escoitar a eses mesmos políticos falar de terrorismo incendiario cando arden os montes, facendo serio fincapé en que só un terrorista pode andar por aí prendendo lume a algo tan valioso como a Natureza. Todo isto pon en evidencia que as máis de mil mulleres asasinadas dende 2.003, os 29 cativos e os 267 orfos por esa mesma violencia, non merecen en absoluto a mesma consideración. Porque falta que escoitemos ese mesmo énfase na clase política á hora de referirse ao exterminio feminino. Para os centros de poder sempre son casos aillados, algo que cumprimentar cun tuit de solidariedade ou unha faciana compunxida no minuto de silenzo, antes de apalabrar ese sillón cos mesmos que nese minuto de silenzo por unha vítima do machismo, recúan e apártanse porque consideran que todo iso é un invento. Que morrer asasinada pola túa parella ou ex parella é coma morrer de tuberculose: mala sorte, pásalle a calquera. Que van ser terroristas os asasinos de mulleres!.
Das trinta e sete vítimas do que vai deste ano, só sete presentaran denuncia. Quizais habería que voltar a preguntarse por que. Un machista non brota dun día para outro, pero moitas mulleres nunca chegan á comisaría por anos que leven sendo maltratadas. Nunca hai información dabondo, nin a debida protección, nin uns xuíces verdadeiramente preparados que eviten casos coma o recente do neno asasinado en Murcia polo seu pai, condeado por violencia de xénero pero que desfrutaba de visitas sen ningún tipo de control. Visitas obrigadas que o menor non quería frecuentar, como xa facía o seu irmán maior, que podía decidir libremente, pero que a el custáronlle a vida. Disparates xudiciais dos que hai un feixe de exemplos, que amosan a escasa sensibilidade e a notoria falta de preparación de quen dita sentencia nestes casos. Nunca leremos nesas sentenzas a palabra “terrorismo”, que queda reservada para titiriteiros, rapeiros e chistosos de rede social, que crean alarma porque fan mofa da familia real ou dun asasino que volou polos aires fai máis de corenta anos e a quen, pobre, emporcan a súa honra. É o que nos toca vivir. E empeorando, porque grupos políticos de normalizada ultradereita xa branquean o machismo co poder que lles outorgan os votos e as posteriores ansias de cargo nesa carreira do “todo vale” por un sueldiño público. Estamos soas e a mercede de auténticos sicarios. Máis que nunca….a loitar para seguir vivas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciocho − quince =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.