Viñetas pecha a súa XXII edición demostrando unha vez máis que se trata dun formato de festival único e exitoso

As actividades e a presenza de autores invitados concluíron onte domingo, aínda que todas as mostras permanecerán abertas ao público ata o vindeiro 8 de setembro

O desenvolvemento da XXII edición de Viñetas desde o Atlántico puxo unha vez máis de manifesto a fórmula de éxito desta cita co mundo do Cómic, que se celebra cada verán na cidade da Coruña, organizado polo Concello e dentro da oferta das Festas de María Pita. “Ano tras ano temos confirmado que o modelo escollido é único entre todos os festivais do sector. Autores e profesionais transmítennos que os parámetros polos que nos decantamos desde o principio funcionan”, sinala o director de ViñetasMiguelanxo Prado, en referencia á aposta que fixo o Salón coruñés, desde o primeiro momento, por atender tanto aos intereses dos entendidos como do público xeral.

As actividades e a presenza de autores convidados de Viñetas 2019 remataron onte domingo, aínda que, como en edicións anteriores, as exposicións permanecerán abertas ao público varias semanas máis. Este ano poderán visitarse ata o próximo 8 de setembro.

O director do Salón do Cómic coruñés considera necesario manter o formato de Viñetas ao longo deste tempo. “Un festival que se financia con cartos públicos, aínda que debe satisfacer aos afeccionados e entendidos, non pode perder de vista o que o fixo ser o que é, un festival amable para todos, mesmo para os que na súa vida consumiron Banda Deseñada e que vemos con satisfacción percorrendo todos os anos ás nosas exposicións; esa é unha aposta irrenunciable”, sinala Miguelanxo Prado. “Mentres este equipo siga á fronte, Viñetas non será xamais unha proposta sectorial, aspirará sempre a esa globalidade”, recalca o director, unha premisa que non exclúe, como aconteceu na edición deste ano, “mirar cara a autores e obras que non son best-seller e non están en primeira liña”.

Prado resalta tamén a reputación que ten acadado ao longo destes 22 anos Viñetas desde o Atlántico. “Cónstanos, a través das redes sociais e do boca a boca dos convidados, que a reputación do evento non pode ser mellor”. Un exemplo diso, sinala, “é que hai moitos autores e autoras que non se prodigan en festivais, pero que non teñen ningún problema en vir aViñetas e ceder orixinais para exposicións tan longas no tempo, algo pouco normal no mundo do Cómic”.

Outra mostra do prestixio e o interese que suscita Viñetas desde o Atlántico, engade o director, é a constatación, edición tras edición, especialmente este ano, de que entre o numeroso público que visita o festival non só hai persoas de todas partes de España, senón tamén doutros países europeos e mesmo do outro lado do Atlántico. “Non é nada raro que moitos afeccionados programen as súas vacacións para facelas coincidir con Viñetas”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.