A CIG-Telefónica mobilízase contra a eliminación de máis de 630 empregos en Galiza

A sección sindical da CIG en Telefónica iniciou hoxe en Vigo as mobilizacións contra a decisión de eliminar un total de 632 empregos en Galiza como consecuencia da aplicación do Convenio Colectivo de Empresas Vinculadas, xa que inclúe a redución, concentración e centralización do cadro de persoal en Madrid e Barcelona. A protesta deste mediodía tivo lugar diante da sede central do Calvario, mentres que este xoves desenvolverase na central coruñesa, situada no Montiño.

Segundo explican dende a CIG-Telefónica, o obxectivo das mobilizacións pasa tanto por denunciar os plans da empresa para reducir persoal como por expoñer e defender a posición da central sindical a respecto da “seudonegociación” que se está a desenvolver arredor do Convenio Colectivo de Empresas Vinculadas (Telefónica de España, Telefónica Móviles e Telefónica Solucións).

A CIG continúa a reivindicar unha negociación colectiva “digna de tal nome”, con información pública accesible aos traballadores/as, participación a través das asembleas de centro e capacidade de decisión mediante aprobación en referendo. Sosteñen que o actual proceso vulnerou todos e cada un destes dereitos sindicais elementais, polo que perdeu toda lexitimidade. “Haberá convenio na Telefónica como hai monarquía no Estado español, sen consentimento e contra o sentimento dos súbditos/as”, sinalan.

CCOO, UGT e dirección

Neste senso, o carácter conxuntural da operación en función dos intereses exclusivos dos xestores e propietarios da empresa, remite todas as cuestións pendentes da transformación da relación laboral á negociación permanente, “onde a experiencia nos ensinou que é onde CCOO, UGT e a dirección consuman a súa relación”.

Indican que no que ten que ver cos asuntos “verdadeiramente estratéxicos” para Telefónica e as persoas traballadoras, o convenio -cuxa sinatura está prevista para este venres 27 de setembro e que terá vixencia prorrogable até 2023- avanza decididamente na imposición dos conceptos do seu interese, preparando o terreo: baixas forzosas, traslados forzosos, desrregulación laboral e redución e concentración do cadro de persoal en Madrid e Barcelona, “exterminando” o emprego en Galiza.

De 3000 empregos a 209

Como consecuencia desta política empresarial, Telefónica pasou de ter 3000 empregados/as no noso país nos anos 90 aos 841 actuais (428 en A Coruña, 258 en Pontevedra, 83 en Ourense e 72 en Lugo). Mais a aplicación deste convenio deixará o cadro de persoal en 209 persoas (151 na Coruña, 35 en Pontevedra, 8 en Ourense e 5 Lugo)

Isto supón pasar do 5% ao 1,5 % do cadro de persoal no conxunto do Estado, cifrado pola empresa en 13.000 persoas no seu Plan Estratéxico. “En calquera caso, eses postos de traballo quedarán moi lonxe do 6% ou 7% que nos correspondería tendo en conta o PIB ou os censos galegos, polo que reivindicamos 910 empregos en Telefónica en Galiza”.

Finalmente, adiantan que o peche do convenio que se anuncia “non pechará nada, senón que abrirá a negociación permanente que contén o convenio nas peores condicións; aínda así, os traballadores/as debemos persistir na reivindicación do contido mínimo que debe estar presente nos centros de traballo e nesa negociación permanente durante o novo período que se achega.

TÁBOA REIVINDICATIVA MÍNIMA
  • EMPREGO NA LOCALIDADE de residencia e na profesión, fóra o PLAN 2017-22 en Operacións.
  • CAPITAL TERRITORIAL E PLAN DE EMPREGO en Galiza, con todas as capacidades necesarias para a produción de telecomunicacións.
  • XUBILACIÓN anticipada VOLUNTARIA, sen custo para os traballadores/as.
  • Incorporar no convenio a responsabilidade interna da empresa de toda a Previsión Social xa externalizada (Antares).
  • Dereitos sindicais homoxéneos para todas as centrais sindicais máis representativas na Galiza.
  • NEGOCIACIÓN COLECTIVA ANUAL e concluída con REFERENDO.
  • CONVENIO ÚNICO, para un cadro de persoal único (TESOL, Móviles, Telyco), nunha única empresa (T.E.S.A.U.).
  • Idioma propio nas relacións laborais, na atención comercial, en todos os canais e na toponimia; cumprimento estrito da legalidade vixente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

catorce + 8 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.