A que queremos xogar? Por Lito Prado @litopradoOU

Por Lito Prado.

@litopradoOU

“Entón decatouse de que os seus temores só empeoraban as cousas, de xeito que se riu de si mesmo e fixo o que faría de non estar asustado: avanzar nunha nova dirección” (Spencer Johnson, 1998).

Sempre pensei que o nacionalismo galego precisou e precisa dun libro de autoaxuda, por iso non puiden resistir comezar as miñas reflexións cunha frase sacada dun deles. É certo que onde pon temores podemos trocar por infinidade de palabras: urxencias, anhelos, egos,… mais ó que lle adxudico maior importancia na cita é a súa frase final “avanzar nunha nova dirección”. Sei que elo é certamente difícil, e máis cando as vertentes maioritarias na concepción do feito político na Galiza son dúas: a do e a do Trivial Pursuit.

No primeiro dos casos conceptúan a consecución dos obxectivos políticos a traverso dunha soa ficha que avanza por un único camiño, algunhas veces moi rápido, outras moi lento  e as veces retrocedendo, fiándoo todo á sorte e unhas regras arbitrarias e impostas polo propio xogo. E cando pensan que se pode lograr, que se está moi preto, que os tempos son chegados… caen na morte e voltan á casiña de saída. E mudan de xogo? Non, volven apostar polo mesmo.

No caso da vertente Trivial avanzan cunha ficha moito máis grande, con capacidade de ir incorporando máis dentro dela, por un camiño circular. A medida que se incorporan máis fichas, máis preto se está da vitoria. O problema é que a medida que o seu contrincante ten máis posibilidades de gañar, escápanselles as  fichas arrimándose a posíbel cabalo gañador. E como levan dado tantas voltas, con sensación de que avanzan, ata que pasan unha ducia de veces pola mesma casiña, non se decatan de que só lles queda un queixiño… E aparte, que carallo!, dixéronlles que ían xogar á edición familiar e presentáronse coa edición Master. E mudaron de xogo? Non, volve apostar polo mesmo. Iso si, agora pola edición especial natureza.

Eu pra ser sinceiro teño que admitir que, unhas veces teño a tentación de pedir mesa na partida de oca, mais outra, sorpréndome estudando as respostas do trivial, edición especial natureza. Mais iso é o cómodo, e sería repetir o que sei que vai marrar outra vez. Esa é a razón pola que me puxen a xogar ó Go, un xogo chinés, onde moitas fichas deciden un camiño. Un camiño marcado por unha estratexia e diferente cada vez. Un camiño do que o noso adversario non sabe nada. Un camiño que obrigue mudar o seu xeito de xogar e non lle deixe sentir seguro. Un camiño sen regras impostas. Un camiño que dependa só das nosas fichas. Un camiño novo pra avanzar.

Falo de imaxinar, propoñer e traballar por novos xeitos de interpretar, de suscitar, de facer e de defender o noso Pais. Falo da creación dunha nova ferramenta que a sociedade galega perciba coma útil.  Unha nova ferramenta que saiba escoitar e atender as súas demandas e sexa maioritariamente utilizada para que Galiza avance noutra dirección.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.