A Reserva da Biosfera de Allariz será a capital do sendeirismo galego en outubro

Hoxe presentábase aos medios de comunicación o 1º Festival de Sendeirismo Área de Allariz que se celebrará na fin de semana do 25, 26 e 27 de outubro na contorna dos concellos de Vilar de Santos e Allariz, en pleno espazo declarado como Reserva da Biosfera. Os máximos representantes de ambos municipios comparecían na mañá para dar a coñecer unha iniciativa coa que pretenden “ofertar unha actividade de ocio saudable que permita ao tempo dar a coñecer os nosos recursos patrimoniais”, en palabras de Cristina Cid, alcaldesa do Concello de Allariz.

O festival, que conta co patrocinio oficial do Diario La Región, será coordinado pola Sociedade Cooperativa Xeitura. Falando no seu nome Begoña Garrido apuntaba “a importancia de mirar o patrimonio cultural e natural con outros ollos. Coñecelo e gozar del é a maior garantía para a súa conservación. E por iso deseñamos un festival no que todos os públicos terán o seu espazo: nenos e nenas, maiores, familias, deportistas, namorados da arte, da natureza…”

O programa que pode ser consultado na web celtiatravel.com, arranca na tarde-noite do venres no Concello de Vilar de Santos. Lugar onde unha ruta teatralizada dará paso a unha sesión de conferencias en colaboración coa Universidade de Vigo para explorar o carácter saudable e cultural do fenómeno sendeirista. Entre os conferenciantes estarán tamén nomes históricos do sendeirismo na provincia como José García Calvo “Willy” ou iniciativas de grande éxito que amosan as oportunidades do sendeirismo como motor de desenvolvemento local da man de Ana Canal Fraga impulsora da proba dos 8 miles do Xurés.

O peche do día será festivo con sesión de concertos na Arca da Noe de Vilar de Santos que darán paso ao groso do programa nos días 26 e 27 con ata 10 rutas con diferentes formatos agrupadas en 6 categorías: deportivas, patrimoniais, familiares, canina, fotográfica e inclusiva. “O sendeirismo é un modo de facer deporte, por suposto, pero tamén é unha oportunidade magnífica para facer unha actividade saudable coa familia ou coa nosa mascota. Pode ser un momento perfecto para facer turismo e coñecer o patrimonio natural e cultural da Reserva da Biosfera e retratalo coas nosas cámaras fotográficas aprendendo de especialistas a sacarlle todo o seu partido”, apuntaba Begoña Garrido de Xeitura e coordinadora do evento.

O ambiente de festival chegará tamén da man dos diferentes concertos programados tanto para a noite do sábado como para a sesión vermú do domingo. “E se algunha persoa non pode ou non quere participar nalgunha das rutas sempre poderá achegarse á zona do mercado onde nesta ocasión os produtos artesanais da Reserva da Biosfera convivirán tamén con material de montaña de tendas ourensás especializadas na práctica do sendeirismo. Polo que o evento pode supoñer tamén un novo pulo económico da comarca”, engadía Cristina Cid alcaldesa do Concello de Allariz.

Calquera persoa interesada poderá informarse na web celtiatravel.com e inscribirse nunha única ruta ou no festival completo. Como oferta de lanzamento a organización acaba de sacar 50 entradas a 15€ para as persoas que só queiran asistir o sábado, 10€ o domingo e 20€ para toda a fin de semana. As actividades do venres son de balde ata completar aforo e todas elas contan con seguros, desprazamentos en autobús, monitores, visitas guiadas, avituallamentos, petiscos, agasallos de benvida, concertos, sorteos e moitas máis sorpresas apuntan dende a organización.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

19 − diez =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.