A Xunta financiará 14 obradoiros de emprego en 32 concellos da provincia de Lugo cun investimento de 4,4 m€

O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, destacou que a súa posta en marcha permitirá contratar a 333 persoas, entre alumnado e persoal de dirección, administración e monitores. Nos vindeiros meses desenvolveranse 12 obradoiros duais e outros 2 específicos para menores de 30 anos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a posta en marcha de 14 obradoiros de emprego que implican a 32 concellos da provincia de Lugo, para o que destina un orzamento de 4,4 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou hoxe da resolución, por parte do Consello da Xunta, da convocatoria de axudas dirixidas a concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para a posta en marcha destas iniciativas. Os obradoiros aprobados na provincia de Lugo permitirán a contratación de 333 persoas, entre alumnos-traballadores (un total de 272) e persoal de dirección, administración e monitores (61 contratos).

Os beneficiarios recibirán formación que poderán acreditar cun certificado de profesionalidade, ao tempo que terán acceso a un contrato de traballo durante a súa participación na actividade.

Dos 14 obradoiros que se porán en marcha na provincia, 12 deles serán duais, cunha duración de 9 meses. Ademais, desenvolveranse dous talleres de garantía xuvenil, un en Lugo -‘Atrium Tic’- e outro en Ribadeo -’Doc Tic III’, dirixidos especificamente a mozos e mozas menores de 30 anos. Estes últimos terán unha duración de 6 meses e os participantes deben estar inscritos e en situación de beneficiarios no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da comunidade autónoma.

Criterios de valoración

Entre os criterios de valoración desta convocatoria destacaron a maior puntuación para os concellos asociados ou resultantes de fusións de dous ou máis municipios, así como para os concellos emprendedores. Tamén se primaron os proxectos que tiveron máis actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital ou a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio.

Así mesmo, no caso dos obradoiros duais valorouse o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación laboral do alumnado que os supere, durante un mínimo de tres meses, con contratos nunha empresa a xornada completa. No caso da provincia de Lugo, esta opción incorpórana os obradoiros promovidos polos concellos de Vilalba, Becerreá e Castroverde -en cada caso asociados con outros municipios- e tamén o de Monforte de Lemos -que o impulsa individualmente-.

No que respecta á distribución dos obradoiros duais por comarcas e concellos, hai tres promovidos na Mariña -‘Ribadeo alén do Camiño’; ‘Sendas de Burela, Cervo e Xove VI’ e ‘Terras do Sor III’, cun investimento de 1M€, a implicación de sete concellos e a realización de 74 contratos de traballo. Outros tres talleres involucran a 10 concellos da Terra Chá, Meira e a comarca de Lugo -‘Terra Chá Dixital’, ‘Camiño da Chaira V’ e ‘O Castro V’, cun investimento de 1M€ e 73 contratacións. Na Zona Sur, fináncianse con 1M€ un total de tres iniciativas nas que participan 7 concellos e que xerarán 73 contratos -‘Ricra III’, ‘Sillor VI’ e o obradoiro de Monforte de Lemos. Pola súa banda, na Montaña terá lugar o obradoiro ‘Vía Küning I’ -que comparten tres concellos-; Sarria promove individualmente ‘Sarria: Camiño de Santiago’ e o concello do Páramo impulsa con O Corgo e Guntín o taller ‘Ponte de Areas III’.

O inicio dos obradoiros duais está previsto para o mes de novembro. En canto aos talleres de garantía xuvenil, en ambos casos xa se atopan na fase de selección de persoal e comezarán en breve.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciseis − 9 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.