@AcademiaGalega O presidente da RAG entrevístase coa alcaldesa da Coruña @inesreygarcia

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, mantivo hoxe no pazo de María Pita a primeira entrevista institucional coa nova alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Os responsables de ambas as entidades recordaron o vencello histórico entre Academia e Concello e acordaron manter unha nova xuntanza no mes de outubro na Real Academia Galega para afondar en posibles vías de colaboración. Víctor F. Freixanes agradeceu a sensibilidade amosada pola rexedora e confiou en que Academia e Concello poidan compartir no futuro novos proxectos.

Tras a recepción, a alcaldesa Inés Rey salientou en declaracións aos medios o “importante papel da Academia na defensa e na promoción da nosa lingua” e a “colaboración do Concello da Coruña na defensa da súa actividade”.

A RAG, desde 1920 ata o seu traslado á rúa Tabernas, en 1978, tivo a súa sede no pazo consistorial. O presidente subliñou a significación histórica da Coruña para a Academia mais tamén o papel actual da cidade no proceso de normalización da lingua galega. “Cando a RAG se crea no ano 1906 aquí non é por un casual, elíxese A Coruña de principios do século XX porque é a cidade da modernidade da lingua e da cultura galegas. Aquí naceron as Irmandades da Fala e as primeiras escolas de teatro galego”, declarou.

Xa no presente, Víctor F. Freixanes expresou a necesidade de contar coa Coruña na proxección do galego como un idioma atractivo para a mocidade. “Necesitamos comprometer as cidades de Galicia no uso do idioma e para nós é moi importante contar cunha cidade como esta. As novas xeracións que se incorporan á lingua e á cultura deberían atopar non tanto discursos retóricos como servizos. É dicir, espazos de lecer, publicidade, oferta audiovisual etc. en galego. A lingua debe estar aí, viva, activa e dinámica”, reflexionou.

Este obxectivo, concluíu, require dunha alianza entre institucións científicas como a RAG, a iniciativa privada e as institucións políticas, desde os concellos ata o Estado.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.