Ana Miranda denuncia que o Goberno central aínda non pediu os fondos europeos para o saneamento da Ría do Burgo

O BNG seguirá presionando desde a Comisión de Peticións da Eurocámara, cuxa vicepresidencia recae no grupo Verdes-ALE

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia que o goberno estatal aínda non solicitou os fondos europeos dispoñibles para acometer a rexeneración da ría do Burgo, tal e como lle veñen de confirmar desde a propia Comisión Europea. “É lamentable que habendo fondos dispoñibles non exista vontade política para levar a cabo esta obra”, salienta.

Para a portavoz nacionalista “por fin hai unha posibilidade real de ter a ría do Burgo completamente saneada e non se pode desaproveitar”. Considera que despois de que Bruxelas dera o visto bo ao cambio de criterios dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) para levar a cabo o dragado da ría “xa non hai escusas”.

Ana Miranda critica que ao longo dos anos, os sucesivos gobernos do PP e do PSOE non tiveron vontade política para poñer fin a unha situación tremendamente prexudicial para os sectores produtivos de pesca e marisqueo da zona. Pola contra, lembra que “foi o BNG quen sempre estivo dando voz aos colectivos afectados”, ben levándoos ao Parlamento Europeo ou ben xestionando a visita de dúas delegacións de eurodeputados e eurodeputadas para comprobar o estado da ría.

Novas iniciativas

A portavoz do BNG en Europa avanza que seguirá mantendo unha “presión firme e constante” no obxectivo de que este proxecto tan longamente demandado saia adiante. Así, destaca que o feito de que o grupo Verdes-ALE (do que forma parte o BNG na Eurocámara) teña a vicepresidencia da Comisión de Peticións permitirá seguir facendo esa presión para que o Estado pida os fondos antes de novembro, xa que o prazo de execución da obra é de dous anos.

Ademais, indica Ana Miranda, o Estado ten que comprometerse a cofinanciar o saneamento, xa que os fondos que pode transferir a Comisión Europea son o 85% do total. “Desde o BNG pensamos que con vontade política non debería haber problema para que en dous anos a rexeneración da ría estea completada”, conclúe.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

6 − tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.