Balseiro reprocha a Lara Méndez que manteña o bloqueo á sinatura do convenio sobre a intermodal e afirma que é unha “deslealdade cos lucenses”

O delegado territorial da Xunta en Lugo lembra que nin o Concello nin Adif responderon á proposta que a Xunta presentou en xullo para clarificar as competencias de cada administración e avanzar así no proxecto

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, reprochou á alcaldesa da cidade, Lara Méndez, por manter bloqueada a sinatura do convenio sobre a futura estación intermodal e asegurou que de manterse este comportamento é un acto de “deslealdade cos lucenses”.

Balseiro lembra que nin o Concello nin Adif (Fomento) responderon á proposta que a Xunta presentou en xullo para clarificar as competencias de cada administración e avanzar así no proxecto da futura intermodal e insistiu en que non existen razóns para seguir demorando a sinatura deste convenio, similar ao que existe noutras localidades.

Con todo, como puido comprobarse onte, desde a administración autonómica seguen a dar pasos positivos para a cidade no que respecta á futura estación intermodal (en concreto sobre a nova estación de autobuses) e tamén en relación coa creación dunha gran praza pública no espazo que na actualidade ocupa a vella estación, e na que se incluiría o intercambiador e os buses lanzadeira que conectarán ambos espazos.

Balseiro aclarou que o Concello nunca se dirixiu á Xunta para solicitar a creación desta gran praza pública e que esta foi unha iniciativa do Goberno galego, co obxecto de ofrecer un uso alternativo desde espazos “pensando en clave de cidade” e tras pulsar a opinión de distintos colectivos.

O delegado tamén censura que a alcaldesa fale de falta de respecto institucional porque non foi avisada sobre a rolda de prensa na que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou o proxecto, xa que logo o 80% das veces nas que desde a Xunta invitan á rexedora para participar en actos oficiais, non acude.

Con todo, Balseiro insiste na necesidade de colaborar entre administracións para dotar a Lugo das infraestruturas necesarias para garantir a intermodalidade e insiste que, noutras cidades galegas Xunta, Adif e concellos souberon entenderse, “non tería sentido, nin entenderíamos, que en Lugo a posición do Goberno local sexa de pasividade e bloqueo”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.