Begoña Rodríguez: “O PP négase a impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego”

A portavoz de Industria e I+D do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle hoxe ao goberno galego unha liña de actuación urxente para reforzar a internacionalización das empresas galegas. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei en Comisión para reclamar un Programa de apoio específico para as empresas galegas non exportadoras no prazo dun ano, e que foi rexeitado polo PP

A responsable socialista responsabilizou dos malos datos do balance de exportacións das empresas galegas na primeira metade do ano ao “desleixo” do goberno galego, que en 10 anos “non fixeron máis que publicidade e propaganda”. Sinalou que “mentres a Xunta e os deputados do PP non se preocupen máis que de botarse flores seguirán a gobernar de costas á realidade da nosa sociedade e negándose a traballar polo avance da nosa economía”.

Advertiu que a Estratexia de Internacionalización 2020 da Consellería de Industria fixaba como obxectivos incrementar a participación das exportacións no PIB galego nun 40 por cento e chegar ás 8.000 empresas exportadoras. Advertiu que “xa poden ir apurando con toda esa retahíla de cousas marabillosas que anuncian” porque “a realidade é que quedan 6 meses para chegar a 2020 e hai 5.000 empresas”, co que teñen que crear 3.000 empresas exportadoras en medio ano.

Rodríguez Rumbo citou hoxe os datos do II Barómetro Exportador de Galicia, presentado polo Foro Económico de Galicia, que alerta da caída drástica das exportacións de Galicia, ata situarse na cola do Estado. Esta situación deriva da excesiva dependencia da economía galega dos sectores da automoción e da confección, e sinaladamente de dúas empresas.

Así, o sector da confección pasou de medrar un 7,3 por cento no primeiro semestre de 2018 a acadar un resultado negativo de -9,1 por cento entre xaneiro e xuño de 2019, situándose por primeira vez por debaixo do conxunto do Estado, onde rexistra un crecemento do 0,6 por cento.

O sector do automoción, pola súa banda, pasou en Galicia dun crecemento positivo do 8,7 por cento no primeiro semestre de 2018 a cifras drasticamente negativas en 2019, cun -20 por cento, unha caída catro veces superior ao conxunto do Estado, que rexistrou un -5,6 por cento.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que realice nun prazo de 6 meses unha avaliación detallada dos motivos que producen a dificultade das empresas galegas, sinaladamente as Pemes, para incorporarse aos mercados internacionais. A partir de aí debera deseñar nun prazo dun ano un Programa específico de apoio á internacionalización das empresas galegas e coordinar os ámbitos da innovación, da calidade e o deseño e o financiamento.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

6 + once =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.