@BNGOleiros “O novo vertido á lagoa de Mera e exixe unha urxente actuación”

A lagoa de Mera, un ecosistema pendente de ser declarado como espazo natural de interese local (ENIL) desde hai varios anos, zona de descanso de aves e de innegábel valor paisaxístico e ambiental, vén sufrindo nos últimos días un posíbel vertido de residuais procedentes da estación de bombeo próxima, segundo teñen detectado veciñas e veciños das vivendas próximas.

Esta posíbel fuga de augas residuais garda moitas similitudes coa que tivo lugar o pasado mes de febreiro ao longo de varios días e, como aquela, parece ter o seu punto de orixe no bombeo próximo á lagoa.

Para o BNG, o simple feito de que se repita a situación en poucos meses é motivo “máis que suficiente” para que os servizos municipais e a empresa concesionaria do mantemente da rede, Cadauga, procedan de inmediato a verificar a natureza do vertido e o estado do bombeo. “Se se confirma que hai vertido e que a orixe é o bombeo, é evidente que a reparación de febreiro non se fixo ben e que haberá que pedirlle seriamente responsabilidades á empresa”, afirmou o portavoz municipal nacionalista, Fran Rei. Para o concelleiro “talvez tamén sexa bo momento para nos preguntarmos se un punto de tratamento de augas residuais debe estar situado tan próximo a un espazo tan ambientalmente sensíbel como a lagoa”.

O Bloque de Oleiros está preocupado pola actual situación do conxunto da lagoa de Mera do punto de vista do seu grao de protección ambiental. Hai xa varios anos que o goberno municipal anunciou, a través dos seus medios informativos, que tanto a lagoa como a baía de Santa Cruz serían declarados espazos naturais de interese local (ENIL). Porén, nada se sabe da tramitación de ditas declaracións, polas que o BNG xa preguntara ao goberno municipal no pasado mandato sen obter unha resposta clara.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cinco × 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.