@FEAFESGalicia O alcalde Sánchez Bugallo recibe a 47 peregrinos que percorren o Camiño pola saúde mental

Saúde Mental FEAFES Galicia está a realizar por décimo ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participan 47 peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental e monitores.

O percorrido comezou onte, mércores 25 de setembro, en Salceda (O Pino) e culminará mañá coa chegada á Praza do Obradoiro arredor das 11:00 da mañá. Unha vez alí, todos os peregrinos recibirán un certificado que acredita que percorreron 28 quilómetros do Camiño de Santiago.

A continuación, ás 13:00, haberá unha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por parte do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e outros membros da corporación municipal, que darán a benvida aos peregrinos. Despois, para despedir a actividade, os camiñantes gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico.

Os peregrinos que realizan este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Andaina (Dodro e Ordes), Saúde Mental Ferrol (Narón), Avelaíña (A Guarda, Baiona e Ponteareas) e APEM (Carballo). Ademais, van acompañados por un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten a federación nas delegacións de Lugo, Vigo e Santiago.

As actividades de ocio e deporte que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.

Con esta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.

Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Do mesmo modo, ten un factor lúdico rehabilitador porque permite que os participantes se integren na sociedade e participen en actividades colectivas.

Saúde Mental FEAFES Galicia

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 + 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.