Feijóo anuncia que proximamente se abrirá o proceso para que as universidades poidan recibir a acreditación de Campus de especialización

“O pasado mes de maio anunciamos o obxectivo de acreditar os oito campus especializados con avaliadores externos para confirmar que Galicia mantén un nivel de esixencia e de especialización como os estudantes universitarios requiren”, dixo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que proximamente se publicará no Diario Oficial de Galicia a apertura do procedemento para que as universidades que o desexen se poidan presentar e, no caso de superar o proceso, recibir a acreditación de Campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia. “O pasado mes de maio anunciamos o obxectivo de acreditar os oito campus especializados da nosa Comunidade con avaliadores externos para confirmar que Galicia mantén un nivel de esixencia e de especialización como os estudantes universitarios requiren”, abundou.

Durante a inauguración das XL Xornadas de Automática, Feijóo recordou que se trata dun proceso pioneiro no conxunto do Estado que será aberto no tempo, ao que cada universidade se pode presentar cando considere oportuno e que culminará coa sinatura dun convenio dotado economicamente en función da proposta da universidade, así como do informe dos expertos que participarán no proceso.

Para obter a acreditación, o responsable do Executivo autonómico incidiu en que será preciso someterse a unha avaliación estrita realizada por comités de avaliadores externos ao Sistema Universitario Galego que deberán valorar: a organización e a gobernanza do campus; a estratexia da universidade en relación co campus; a docencia; a investigación; a interacción co tecido produtivo, é dicir, a capacidade que ten o campus para exercer como ponte entre a universidade e o mundo laboral; e a transparencia, entre outros aspectos. E expresou o seu convencemento de que con este “selo de calidade” Galicia demostrará o seu interese pola especialización.

Inmersos nunha cuarta revolución industrial, Feijóo reiterou o compromiso do Goberno galego neste eido, como proba a achega de 350 millóns de euros que se destinarán ao desenvolvemento da Axenda Industria 4.0 para aumentar o tamaño das empresas, promover o talento dixital e contribuír á reinvención e especialización do tecido industrial galego. Unha tarefa, asegurou, necesaria para unha economía competitiva, global e conectada.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.