Medio centenar de peregrinos percorrerán o Camiño para visibilizar a saúde mental

Realizarán tres tramos do camiño francés dende o 25 ata o 27 de setembro, día en que chegarán a Compostela. Con esta iniciativa, as persoas con problemas de saúde mental queren loitar activamente contar o estigma que sofre o colectivo

Saúde Mental FEAFES Galicia realiza por décimo ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participarán arredor de 50 peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental e monitores. 

O percorrido comeza o mércores 25 de setembro, en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o venres 27 pola mañá. O itinerario, que se corresponde co último tramo do Camiño Francés, abrangue máis de 28 quilómetros. Na primeira etapa, os participantes percorrerán os 8 quilómetros que separan Salceda e Arca, ambos no concello de O Pino. Na segunda xornada, os peregrinos camiñarán 15,8 quilómetros ata o Monte do Gozo, onde pasarán a noite. O último día, percorrerán os 4,5 quilómetros restantes ata chegar ao casco histórico compostelán.

Estas etapas realízase pola mañá, xa que pola tarde os monitores de Saúde Mental FEAFES Galicia e das asociacións participantes organizan actividades e dinámicas para que os peregrinos se coñezan entre si, socialicen e teñan un tempo de recreo e distensión.

Unha vez cheguen a Compostela, todos os participantes recibirán un certificado que acredite que percorreron ese tramo do Camiño de Santiago. Ese mesmo día, venres 27 de setembro ás 13:00, haberá unha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por parte da corporación municipal. Despois, para despedir a actividade, os camiñantes gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico.

Os peregrinos que realizan este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Andaina (Dodro e Ordes), Saúde Mental Ferrol (Narón), Avelaíña (A Guarda, Baiona e Ponteareas) e APEM (Carballo). Ademais, irán acompañados por un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten a federación nas delegacións de Lugo, Vigo e Santiago.

As actividades de ocio e deporte que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.

Con esta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.

Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con problemas de saúde mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Do mesmo xeito, ten un factor lúdico rehabilitador porque permite que os participantes se integren na sociedade e participen en actividades colectivas.

Saúde Mental FEAFES Galicia

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecisiete + once =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.