O Grupo Popular afirma que o impacto das vivendas de uso turístico na oferta e os prezos das vivendas de aluguer é “escasa e pouco fiable”

A deputada do Grupo Popular Cristina Romero afirmou hoxe no Parlamento que “o impacto das vivendas de uso turístico na oferta e os prezos das vivendas de aluguer é escasa e pouco fiable, xa que supoñen pouco máis do 0,5 por cento do parque de vivendas en Galicia”. Ademais, salientou que “todas as tipoloxías tradicionais de aloxamento están incrementando o seu volume de viaxeiros, o que leva acompañado un aumento das tarifas que fixo mellorar a rendibilidade do sector un 7,7 por cento ata acadar os mellores niveis da década”

Cristina Romero criticou que os deputados da oposición “falen no Parlamento de vivendas de uso turístico partindo de premisas falsas, como que o seu incremento está directamente relacionado co aumento dos prezos dos alugueres ou que están a representar unha ameaza para o sector de aloxamento tradicional”.

Neste sentido, a deputada popular explicou que en Galicia existen 8.770 vivendas de uso turístico, “unha ínfima parte das 1,6 millóns de vivendas que existen en Galicia, das que 300.000 están baleiras”.

“Ademais, debemos ter en conta que estas vivendas alternan o uso turístico co uso residencial: poden ser primeira ou segunda vivenda nalgúns momentos e ser alugada con fins turísticos en outros, o que as deixa fóra do mercado de alugueiro; ou tamén poden ser alugadas a estudantes durante o curso e fosa desa tempada alugada a turistas”, indicou.

Respecto da suposta influencia negativa das vivendas de uso turístico no resto do sector, Romero subliñou que, segundo o balance do primeiro cuadrimestre deste ano, “todas as tipoloxías tradicionais incrementaron un 3,2 por cento o volume de viaxeiros, ao tempo que un 5 por cento as noites que pasan no aloxamento e un 2 por cento a estadía media”.

GALICIA, Á CABEZA DO CRECEMENTO TURÍSTICO

“Galicia encabezou o crecemento turístico de España no mes de xullo, chegando aos 675.000 viaxeiros, 43.000 máis que o pasado ano, e acadando 118.000 noites máis que o ano anterior”, destacou a deputada popular. Así mesmo, dixo que “mentres que en España baixas os turistas estranxeiros, en Galicia medran máis que os nacionais, preto dun 11 por cento”.

Para rematar, Cristina Romero referiuse ao informe sobre vivendas de uso turístico presentado o pasado mes de xullo, “no que se constata que é un sector de pequenos propietarios: o 82 por cento dos donos comercializan unha única vivenda, e a cifra se incrementa ata o 93 por cento se falamos de persoas que xestionan 1 ou 2 vivendas”. “Polo tanto, só un 7 por cento das persoas que comercializan en Galicia vivendas de uso turístico teñen máis de dúas vivendas”, concretou.

A deputada popular anotou que a Comunidade galega “vai seguir ordenando as vivendas de uso turístico, logo do acordo acadado o pasado 20 de agosto entre a Xunta e a Fegamp”. Así, dixo que se elaborarán unhas directrices comúns para que os concellos poidan establecer limitacións respecto ao número de vivendas de uso turístico, desenvolverase un sistema para medir con maior exactitude o alcance desta actividade, estableceranse mecanismos que faciliten aos usuarios unha correcta identificación da oferta e impulsaranse medidas normativas para que se identifiquen co seu código de rexistro nas plataformas nas que se comercialicen.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

19 + uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.