O XVI Concurso de Tapas Picadillo 2019 chega aos locais de hostalería coruñeses

Os coruñeses e visitantes poderán degustar as mellores tapas no XVI Concurso de Tapas Picadillo 2019 entre o 13 e o 29 de setembro. O concurso toma o nome de Manuel María Puga e Parga, máis coñecido coma ‘Picadillo’ quen foi alcalde da Coruña entre os anos 1915 e o 1917 e tamén foi un recoñecido escritor e gastrónomo.
Nesta ocasión participan 65 establecementos cun total de 83 tapas. Delas, 47 farano na categoría tradicional e 36 na creativa. Ademais, 21 tapas participan tamén na categoría maridaxe para a que este ano contamos coa colaboración da D.O. Rías Baixas.
Todas as tapas son deseñadas especificamente para o concurso e son elaboradas de maneira artesanal e sempre incluíndo produtos galegos. Ademais, 22 desas tapas son aptas para xente celíaca para o que se contou coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA).

Co obxectivo de facilitar a degustación das tapas, o Concurso deseñou catro rutas. A primeira comprende as zonas de Monte Alto, Zalaeta, Cidade Vella e o Campo da Leña; a segunda a zona da Mariña e as rúas da Barreira, a Galera, a Estrela e Olmos; a terceira sería pola Alameda, Prazas de Galicia e Vigo e Juan Flórez e a cuarta e última iría pola Rolda de Outeiro, Os Mallos, Catro Camiños e Matogrande.
Para valorar as tapas, nunha primeira fase expertos independentes pertencentes ás escolas de hostalería escollerán as dez mellores tapas (cinco en cada modalidade) baseándose nos criterios de sabor, elaboración, presentación e relación calidade-prezo. Seguindo eses criterios nunha segunda fase será un segundo xurado de expertos o que escolla a tapa gañadora en cada categoría. Por outra banda, as tapas participantes na categoría maridaxe serán valoradas por un xurado de sumilleres, membros da Asociación Galega de Sumilleres Gallaecia, e  membros da D.O. Rías Baixas.

Paralelamente, durante os días que dure o concurso o público poderá votar as tapas participantes mediante cupóns de votación e urnas habilitadas para tal fin en cada un dos establecementos. Con estes votos participarase no sorteo de diferentes premios entre os que haberá xantares nos establecementos gañadores, bonos para Termaria, rutas en veleiros ou voos para ver A Coruña a vista de paxaro.
Para os establecementos gañadores o premio será de 1.000€ nas categorías tradicional e creativa ademais do diploma conmemorativo e a chaquetilla e de 500€ nas categorías de maridaxe e de voto popular.
Paralelamente a este Concurso de Tapas, realizaranse talleres para os máis pequenos no Mercado de San Agustín chamados ‘Pequepinchos’. Serán os sábados 21 e 28 en dúas quendas en horario de mañá. Nestes obradoiros, os nenos e nenas realizarán todo o proceso de elaboración de forma divertida, dende a compra visitando os postos da praza no mercado ata a preparación. A inscripción poderá facerse na páxina web do concurso tapaspicadillo.es.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.