@PlatConvivenci1 aplaude as declaracións de @alvaro_santos_r sobre a presenza de xabaríns en zonas urbanas de Lugo

A Plataforma pola Convivencia Ética coa Fauna Silvestre(CON-ÉTICA) parabenízase polas declaracións do concelleiro responsábel da Área de Desenvolvemento Sustentábel do Concello de Lugo, Álvaro Santos,  en relación coa presenza de exemplares de xabarín en zonas da contorna urbana da cidade luguesa.

Segundo veñen de recoller distintos medios de comunicación, Álvaro Santos sinalou a presión cinexética exercida sobre as poboacións de xabarín como o principal motivo polo que os animais se poden achegar ás zonas urbanas.

A opinión do responsábel municipal de Desenvolvemento Sustentábel do consistorio lugués coincide substancialmente coa que vén expresando, desde a súa creación, a Plataforma pola Convivencia Ética, conformada por persoas a título individual e por asociacións animalistas e ecoloxistas entre as que se contan ADEGA, EQUO-Lugo, Lugo Animal Save, Anonymous For The Voiceless ou Ridimoas.

CON-ÉTICA considera as palabras de Santos “dun sentido común ben pouco habitual” nun responsábel público e fai, unha vez máis, un chamado público á sensatez, a cordura, o rigor e a responsabilidade a todos os axentes institucionais, políticos e sociais en todo o relacionado coa convivencia humana coa fauna silvestre, fuxindo de mensaxes e análises superficiais, sensacionalistas e, mesmo ás veces, “case-apocalípticas”. Urxe  mudar o discurso público de estigmatización dos xabaríns, presentados as máis das veces case como unha praga bíblica, por outro que estea centrado nunha análise rigorosa, e científica, sobre a situación das poboacións de súidos no territorio, continuada no tempo, informativamente transparente, participada por expertos e non sometida a determinados intereses ou presións de parte.

Desde a súa constitución, en 2018, a Plataforma pola Convivencia Ética vén dedicando gran parte dos seus esforzos a solicitar de todas as administracións implicadas toda a información científica dispoñíbel sobre a situación das poboacións de xabaríns en Galiza e o seguimento que se faga das mesmas, sinaladamente sobre a existencia de estudos que avalen, con datos, a existencia real dunha “sobre-poboación” á que tantas veces se alude. A ausencia de resposta a estas constantes solicitudes de información leva a concluír que non existen tales estudos, ao menos dunha forma sistemática.

Dos poucos datos obtidos pola Plataforma, como os facilitados pola Xefatura Provincial de Tráfico, si se ten constatado xa, tal e como denunciamos publicamente hai uns meses, que durante 2018 os accidentes de tráfico con intervención de xabaríns na contorna de Lugo se duplicaron coincidindo coa temporada de caza, sendo incluso máis do dobre nos días hábiles para cazar.

CON-ÉTICA demanda unha vez máis das administracións, nomeadamente da Xunta de Galiza en Lugo, unha estratexia global, participada, rigorosa e concibida en base á realización de estudos previos sobre a presenza do xabarín e que aposte por medidas disuasorias e non letais para cos animais frente a ocorrencias, improvisacións e medidas irresponsábeis mesmo para a seguridade cidadá.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.