Rexurdimento 2.0. Por Xabier González (@xabiergzalez)

 opinion@xabier.gal

Todo serve para algo e nada serve para todo…

O Individuo e o Cidadán como tales, cohabitando nun máis que probable futuro distópico, obrigados a convivir nunha sociedade indesexada por eles e indesexable en si mesma.

A Hipótese ideal sería que, socialmente, todo Individuo é un Cidadán e viceversa; o gran problema é que a tese ou feito demostrable nos obriga a recoñecer que non é así, que mentres poderiamos afirmar sen erro que todos os cidadáns son individuos, nin en estado de borracheira intelectual se sostería o axioma inverso: todos os individuos son cidadáns.

Posiblemente o 95% da sociedade estea composto por individuos reactivos que, conscentes ou non da súa condición, reaccionan mansamente como poden diante do que sucede e a maioría das veces nin sequera iso; sendo así, a pregunta xorde por xeración espontánea: ¿ten capacidade ese 5% restante de cidadáns proactivos para modificar a deriva ata convertela en rumbo?

Nin comigo mesmo me poño de acordo na resposta, unha veces coido que si e outras antollaseme posiblemente imposible. Pero, ao longo dos anos e sentado cada vez máis na idade da “sententia“, funme convencendo de que Guy Fawkes e a súa ultracatólica Conspiración da Pólvora, os comics de Alan Moore e David Lloyd inspirados nela ou a película “V de Vendetta” de James McTeigue e Natalie Portman, non pasan de ser un entretemento de salón que en ningún caso pode, ou debe, confundirse coa idea revolucionaria sobre a que trazar unha folla de ruta eficaz e sostible.

Teño claro que o Romanticismo é, inicialmente, o 100% do líquido amniótico no que se move o embrión de todo movemento alternativo (ou dito doutro modo: revolucionariamente proactivo). En paralelo a iso, estou lamentablemente convencido de que a saturación inicial de Romanticismo, se se mantén indefinidamente sen incorporar Pragmatismo e Realismo, só conduce á endogamia do mesmo de sempre que baixa os infernos convencido de que sube o paradiso.

Cousas da vida, din, pero a contradición aparece cando me vexo obrigado a recoñecer que o ciclo vital revolucionario sempre se repite, é dicir: partindo do 100% de Romanticismo remata inevitablemente por diluírse en canto alcanza unha concentración próxima ao 100% de Pragmatismo.

A que me leva todo iso? Pois a relativizar o feito político como método para determinar que a súa transcendencia non está no tempo que dure, ou nos obxectivos de representación e goberno que acade, senón na súa influencia á hora de remover e activar unha parte significativa do 95% de individuos ata os converter, aínda que sexa por un momento breve e efémero, en cidadáns conscientes, reivindicativos e dispostos a loitar polos seus dereitos. Líderes que escoitan pero que esixen ser escoitados, que abandoan roles de  pegacartaces para petar dunha vez na mesa esixindo lexítimo protagonismo.

Dalgún xeito ese Renacemento –ou Rexurdimento 2.0– puntual da conciencia é o que impide o regreso ao Neolítico e todas as demais idades de pedra, aínda que historicamente sexa incapaz de inventar algo novo e sostible que nos permita saír dos sistemas feudais da Idade Media.

Escoitar a meritori@s líderes ou lideresas xa non é unha opción, do mesmo xeito que o silenzo nunca será capaz de acadar rango de activismo. Non hai nada de místico nin revelado na loita de construír unha realidade mellor; só é cuestión de sentido común mesturado con afouteza e rebeldía diante dos dogmatismos e do establecido. Un paso máis cara adiante e ningún paso menos, porque xa está ben de experimentos e emprendedores que van e veñen segundo enquisas, ventos e mareas seanlles propicios.

Certo é que sempre nos quedará a inmaterial Galiza mito e lenda, esa que mantense no eido espiritual e serve mesmo para un roto que para un descosido; esa Galicia baixo a que poden acougarse, sen pudor nin vergoña finita ou infinita, @s Tiri@s e Troian@s de calquera ideoloxía.

Ainda así, benquerid@s amig@s, eu quero para min e as xeracións que veñan a Galicia obxectivo, esa que foi quen de arquivar para sempre os tempos dos Libros de Cabaleirias para casarse coa realidade nacional e autogovernada dun estado libre e internacionalmente recoñecido.

© Xabier González, 2019

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

10 − tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.