Tirando da Lingua. Somos o berro das que xa non teñen voz. Por @DulceCorcu

Hoxe, a voz de Sandra, Alba e María Elena. A voz que non se apagou de xeito natural, senón que foi arrebatada a tiros en nome non se sabe de que, pero nunca do amor. Porque o amor non mata, non asasina. Non deixa orfos a dous cativos de catro e sete anos que xa, a súa corta idade, enfrontáronse á cara máis feroz do machismo que outros non queren ver. Sentados no asento traseiro do coche,  viron coma seu pai asasinaba a súa nai, a súa avoa e a súa tía. Violencia familiar, doméstica, cousas que pasan en todas partes, rebuznan eses que deberían lexislar para que isto non acontecese. Eufemismos tan cargados de morte coma unha pistola. Hoxe, tamén, ducias de tuits institucionais láianse das vítimas, facendo do cinismo o prato principal do día. Non será a última vez.

Alba e María Elena nin sequera adquirirán o lúgubre rango de vítimas da violencia de xénero. Non eran parella nin ex parella do asasino e non engrosarán ningunha lista oficial, nin recibirán calquera dos exigüos recoñecementos que poideran corresponder aos seus descendentes. O asasino non tiña antecedentes por violencia de xénero, repiten as informacións coma un mantra, coma se iso mudase algo. Seguro que tamén daba os bos días cada mañán e era un padrazo. Non lle faltarán cómplices e consentidores, eses mesmos que se laian nas redes sociais pero que despois, nos seus sillóns con cargo ao erario público, negan que o machismo exista. “Unha gran mentira”, coma vén de tachalo un político con escano na suposta casa da democracia e as liberdades, o Congreso español. Máis de mil cadáveres de mulleres revolvéndose nos seus cadaleitos, sendo asasinadas outra vez pola mesma arma: o atroz machismo que non só non cesa, senón que se alimenta cada día de cómplices e consentidores que o negan e que o banalizan. Os mesmos que enchen as aulas de máis horas de relixión, de máis enloquecidas ideas de dominio e sometemento. De que as mulleres están para servir ós homes ata cando queiran eles, non elas.
Só nos queda a voz, o único que non poden rompernos mentras seguimos vivas. E ten que ser tan letal coma un disparo ao corazón. Tan poderosa coma unha fervenza derramándose con estrépito monte abaixo. Un berro unánime que retumbe en cada rúa, en cada praza e en cada conciencia. Temos que xuntarnos para que se nos escoite máis e máis lonxe….para que saiban que tampouco poideron romperlles a voz a Sandra, Alba e María Elena. Non mentras quedemos unha soa de nós en pé.
#QuerémonosViva #NinUnhaMáis #OMachismoMata

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

uno × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.