A Real Academia Galega celebra este sábado no Museo de Pontevedra a IV de Onomástica Galega, dedicada aos nomes das rúas

O programa inclúe unha mesa redonda sobre as denominacións das rúas nos espazos urbanos de Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín . Outros relatorios profundarán tamén nos casos de Baiona e de Santiago de Compostela, un deles incidindo no memoricidio tras o golpe de 1936 e as posteriores políticas públicas da memoria. A xornada, de entrada libre, acollerá a presentación dunha proposta para as novas denominacións baseada en recorrer primeiro á microtoponimia tradicional

A Real Academia Galega celebrará este sábado, 19 de outubro, no Museo de Pontevedra a IV Xornada de Onomástica Galega, dedicada aos nomes das rúas. O encontro, organizado coa colaboración do propio museo e a Deputación de Pontevedra, contará con 14 especialistas que prestarán atención ao compoñente social, histórico e político destas denominacións. A xornada acollerá ademais a presentación dunha proposta de modelo para as novas denominacións das rúas, baseada na premisa de recorrer primeiro aos nomes preexistentes, as formas da microtoponimia tradicional, antes cás conmemorativas. A entrada a todas as sesións é libre.

A IV Xornada de Onomástica Galega será inaugurada ás 9:45 horas polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a deputada de Lingua, María Ortega Iñarrea; e as coordinadoras do programa, as académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez.

Antigamente os nomes das rúas tiñan un papel utilitario para a sociedade, xa que describían os trazos do territorio, e transmitíanse durante xeracións. “Pero na actualidade a toponimia das vilas e cidades xa non é de creación colectiva. As novas denominacións urbanas son cambiantes e, no noso caso, sepultan frecuentemente topónimos tradicionais, que son reflexo da importante interacción que os galegos tivemos coa terra”, explica Luz Méndez.

Das experiencias didácticas ao memoricidio e as políticas da memoria

Tras a inauguración, o académico Ramón Lorenzo presentará dous relatorios sobre a conformación dos nomes das rúas na Idade Media. O académico correspondente Gonzalo Navaza centrarase no caso de Baiona e Gonzalo Hermo, no de Santiago de Compostela. Nesta mesma cidade porá o foco deseguido o profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Míguez Macho, co relatorio titulado Apropiación do espazo público e memoricidio: do golpe de 1936 ás políticas públicas da memoria, que será presentado polo académico Antón Santamarina.

A toponimia urbana como base de experiencias didácticas centrará a última sesión da mañá, a partir das 13 horas. Xulia Marqués dará paso á presentación das experiencias promovidas en dous centros educativos: Xesús Fernández Acevedo explicará tres propostas desenvolvidas no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo e Pilar Buela e Carlos Montejano, a do IES de Valga, onde se levou a cabo co alumnado unha investigación arredor da microtoponimia das aldeas, contando coa colaboración da veciñanza como informante.

O encontro retomarase ás 16:15 horas cunha mesa redonda, moderada por Luz Méndez, que analizará cal é a práctica da denominación das rúas en Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín. Concepción Cochón Rodríguez, do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Pontevedra, referirase ao caso desta cidade; Marta Souto, do SNL de Vigo, abordará a experiencia olívica; Iván Méndez, técnico de toponimia da Real Academia Galega, analizará o declive da toponimia tradicional no nomenclátor urbano da Coruña; e Marta Negro, do Instituto da Lingua Galega, referirase ao caso de Lalín.

Gonzalo Navaza, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, pechará o programa cunha última sesión, a partir das 18:45 horas, cunha proposta para un modelo de denominación hodonímica.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.