A Xunta activa o novo programa de formación dual para impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade intelectual

A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre ata o 4 de novembro o prazo de presentación de solicitudes desta iniciativa pioneira, que se desenvolverá en colaboración cos centros especiais de emprego

A Xunta vén de activar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o novo programa de formación dual destinado a persoas con discapacidade intelectual que permitirá impulsar a súa integración laboral a través da cualificación e a experiencia profesional. A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 3 millóns de euros a esta iniciativa, que se desenvolverá en colaboración cos centros especiais de emprego, que poden presentar as súas solicitudes ata o 4 de novembro.

En total, prevese que se poidan beneficiar arredor de 80 persoas. Os alumnos, que deberán estar inscritos como demandantes de emprego, contarán cun contrato para a formación e a aprendizaxe de tres anos de duración, e poñeranse en marcha itinerarios formativos adaptados e estables que lles permitirán obter certificados de profesionalidade. Os centros especiais de emprego que soliciten a súa participación no programa deberán estar cualificados como centros sen ánimo de lucro e contar cun mínimo de 10 traballadores, dos cales polo menos o 30% deben ter discapacidade intelectual. Os apoios, que alcanzan os 36.750 euros por traballador, concederanse en réxime de concorrencia competitiva.

Calcúlase que en total se poidan beneficiar oito centros especiais de emprego, que obterán axudas para asumir os custos salariais dos participantes, para o desenvolvemento das actividades formativas e para a contratación de persoal de apoio e acompañamento das persoas con discapacidade no seu posto de traballo. Cada entidade poderá presentar un máximo de dous proxectos, que deberán orientarse á obtención de diferentes certificados de profesionalidade e que contará cun máximo de 10 persoas participantes e un mínimo de 6. O tempo de traballo efectivo será do 50% da xornada, e o 50% será destinado ás actividades formativas.

Esta nova medida forma parte das diferentes iniciativas desenvoltas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a inserción laboral das persoas con capacidades diversas. Trátase dun elemento decisivo para lograr a súa inclusión plena, un obxectivo prioritario para a Administración autonómica.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.