A Xunta formaliza a cesión da antiga caseta de legoeiros a favor do Concello do Incio que destinará o inmoble a actividades de dinamización social e cultural

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, xunto ao alcalde da localidade, Hector Corujo, formalizaron o convenio de cesión asinado por ambas administracións. A antiga caseta de legoeiros, hoxe sen uso, pasa a ser de titularidade municipal e de uso pola veciñanza da parroquia de Trascastro

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, formalizou a entrega a favor do Concello do Incio da antiga caseta de legoeiros emprazada no lugar de Trascastro, que a partir de agora será destinada a actividades de dinamización social e cultural.

O acto desenvolveuse na Casa do Concello, coa correspondente sinatura da recepción por parte do alcalde da localidade, Hector Corujo. Deste xeito, o municipio do Incio recupera para uso público este espazo, empregado antigamente polo persoal que se encargaba do coidado e mantemento das estradas e camiños públicos e que, na actualidade, perdeu a súa utilidade como elemento funcional da estrada.

“Trátase de poñer ao servizo da veciñanza, unhas instalacións que estaban sen uso e que poden ser aproveitadas como lugar de encontro polas persoas que residen nesta parroquia, en resposta á demanda que nos trasladou o alcalde”, explicou José Manuel Balseiro.

Nova titularidade municipal e uso veciñal

A entrega, prodúcese ao abeiro do convenio asinado pola Xunta de Galicia co Concello do Incio polo que se autoriza a cesión, a título gratuíto, deste inmoble valorado en preto de 22.000 euros.

A antiga caseta dos legoeiros, emprazada na estrada LU-642 Ourol-Ferrería do Incio, consta dunha edificación principal de 114m2, un terreo de 242m2 e un galpón anexo de 38m2 de edificación.

O novo local, que pasará a formar parte do patrimonio municipal, poderá ser empregado unha vez acondicionado pola asociación de veciños do lugar de Tracastro, e usalo para reunións, charlas, cursos e distintas actividades lúdicas ou culturais.

Corresponderanlle ao Concello do Incio, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da edificación, así como o exercicio das funcións que puidesen corresponderlle como nova Administración titular.

Trascastro: candidata a converterse nunha aldea modelo

Esta non é a única liña de colaboración que a Xunta de Galicia mantén aberta co Concello do Incio e, en particular, coa veciñanza de Trascastro, xa que esta parroquia é unha candidata firme a converterse en aldea modelo e, polo tanto, formar parte do programa impulsado pola Consellería do Medio Rural para colaborar na defensa contra os incendios forestais e que probablemente se concretará nos próximos meses.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

uno × 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.