Ana Pontón: “O novo goberno que saia do 10N debe rectificar unha sentencia impropia nun Estado democrático”

Afirma que o BNG sempre estará do lado da democracia e do dereito de todos os pobos do mundo a poderen decidir libremente o seu futuro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cuestionou a “credibilidade da xustiza” tras varias filtracións da sentenza do Procés e apelou a que o “novo goberno que saia do proceso electoral do 10 de Novembro, debe rectificar unha sentenza impropia nun Estado democrático”.

Para a portavoz nacionalista, “ningunha persoa demócrata pode permanecer indiferente ou equidistante  ante unha sentenza  que representa un profundo erro político e un síntoma máis da involución democrática que se vive no Estado español”.

Pontón expresou o rexeitamento do BNG a unha sentenza  “froito dun xuízo político”, e que  consideramos, recalcou, “inxusta e desproporcionada”. A portavoz do BNG  trasladou a solidariedade ás persoas que van á cadea pola defensa das súas ideas e  dun mandato democrático que saíu das urnas.

Para a portavoz nacionalista, “as presas e presos políticos cataláns non tiveron acceso a un xuízo xusto, imparcial nin desenvolvido coas mínimas garantías. Estaban sentenciados antes de comezar, a pesar de que o seu único delito foi defender, por vías pacíficas e democráticas, o dereito do pobo catalán a decidir libremente o seu futuro. Votar non pode ser delito, e non se poden ilegalizar ideas democráticas”, manifestou.

Esta sentenza, explicou é a “enésima demostración do proceso de profunda involución democrática que estamos a vivir”. Unha involución que ten varias caras, que vai desde a negativa a recoñecer que as nacións sen estado existimos e temos dereito a decidir libremente, até   a recentralización e perda de dereitos e liberdades básicas como a liberdade de expresión, reunión, manifestación, conciencia ou de participación política.

O BNG sempre estará do lado da democracia e do dereito de todos os pobos do mundo a poderen decidir libremente o seu futuro polo que reiterou o seu chamamento  a “unha rectificación política ao novo goberno español que sairá das urnas o vindeiro 10 de novembro”. Este é un debate de índole política que nunca se poderá resolver pola vía policial e xudicial. Só ten unha saída: a negociación política e que o pobo poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

17 − 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.