@AntonSanchezG: “A palabrería oca de Feijóo non tapa a súa neglixencia no problema de As Pontes”

Antón Sánchez reuniuse esta mañá con membros da plataforma cidadá Xuntos por As Pontes e co colectivo de camioneiros da Central Térmica, que se atopan pechados no Concello esixindo solucións á súa desesperada situación ante a parálise da Central Térmica das Pontes.
“A situación vén dada pola decisión da multinacional Enel de pechar a central dun día para outro, pero sobre todo pola irresponsabilidade dos gobernos galego e español. Ambos tiñan que ter previsto un plan de transición enerxética xusto que ofrecese solucións laborais e económicas para a xente, para a comarca de Ferrolterra e para Galicia”, apuntou Antón Sánchez.

O voceiro do Grupo Común da Esquerda arremetou contra o presidente da Xunta, ao que acusou de “andar desviando a atención con palabrería oca que non tapa a súa neglixencia neste asunto”. “O señor Feijóo, ante un contexto de acordos europeos e mundiais pola descarbonización, tiña que ter elaborado xa con todos os axentes ese plan de transición enerxética”, engadiu.

O Grupo Común da Esquerda manifesta a súa preocupación polo futuro das Pontes e insta a Núñez Feijóo a que deixe de desviar a atención das súas responsabilidades no asunto. “Ten que poñerse a traballar con Endesa e co Goberno do Estado en solucións de futuro e sostibles para As Pontes, así como en solucións a curto prazo para colectivos como o dos transportistas, que están pendendo dun fío porque levan cinco meses pagando as letras dos seus investimentos sen teren ningún ingreso”, finalizou Antón Sánchez.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciocho + seis =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.