Convocada para este vindeiro domingo 6 en A Coruña unha concentración contra as casas de apostas

Será ás 17 horas na Praza de Portugal. Denuncian o lucrativo negocio creado a conta do aumento da ludopatía e un modelo de lecer evasivo que empobrece a clase traballadora

Organizados a través dunha asemblea aberta, diversos colectivos sociais da Coruña convocan para este vindeiro domingo día 6 unha concentración baixo o lema Fóra as casas de apostas dos nosos barrios! Dita concentración terá lugar a partir das 17 horas na Praza de Portugal, nas inmediacións do estadio de Riazor, hora e media antes do inicio do partido que enfrentará o Deportivo co Almería.

Os colectivos convocantes, que van de organizacións xuvenís e estudantís a entidades veciñais, están a desenvolver durante estes días unha campaña informativa previa en barrios, campus universitarios e centros de ensino medio, co obxectivo definido de achegala principalmente á veciñanza dos barrios populares da Coruña, á xente nova e ás comunidades escolares, incluído o profesorado e as Anpas.

As entidades que impulsan a mobilización denuncian o exponencial incremento das casas de apostas nos barrios ao longo dos últimos anos, en paralelo ao aumento do xogo en internet, como o póker online ou as apostas deportivas, así como ao constante bombardeo publicitario a través de medios como a televisión ou na rede, con anuncios incitando ao xogo, protagonizados por personaxes públicos, como deportistas.

A consecuencia máis directa deste panorama é que os casos de ludopatía son cada vez máis habituais; os últimos datos amosan porcentaxes cun preocupante crecemento, especialmente entre a mocidade. Arredor dun 34% dos casos aparecen xa en menores de idade, mentres que o gasto da poboación galega nos xogos e apostas medrou un 27% nos últimos tres anos.

Os colectivos convocantes da concentración do vindeiro domingo lembran que o mundo do xogo e as casas de apostas é un entramado de empresas capitalistas onde os empresarios sempre gañan e a clase obreira e o pobo traballador sempre perden. “Perden porque o obreiro remata escravizado e enganchado ao xogo. Perden porque as relacións familiares e de amizade fican moi danadas ou destruídas por completo. Perden porque en moitas ocasións non son capaces de facer fronte á débeda acumulada e perden o traballo ou a casa”.

Parello a este preocupante proceso decorre o progresivo aumento das casas de apostas no territorio galego: un número que xa supera os 160 salóns en funcionamento ou en trámite e case 4.000 terminais, entre as destes espazos e as dos bares.

Os colectivos impulsores da iniciativa denuncian a “lóxica perniciosa” pola cal moitos destes establecementos están a se situar nos barrios, onde viven familias en condicións precarias e como moitas delas vense mesmo obrigadas a apostar os escasos recursos económicos que posúen para intentar teren unhas condición de vida dignas. Sitúan casas de apostas mesmo próximas a centros de ensino ou parques infantís para “normalizar o xogo como actividade de lecer” desde cedo.

Os colectivos convocantes da mobilización denuncian, en definitiva, un modelo de lecer baseado no consumismo sen freo e nun ocio de evasión como única alternativa para a clase traballadora e rexeitan o modelo de cidade que esa lóxica pretende impoñer.

Frente a ese modelo, apostan por unha cidade para a xente, unha cidade na que se fomente un ocio alternativo para a mocidade, na que se impulse a cultura popular, na que se promovan os centros sociais, os parques, as zonas verdes, as instalacións deportivas…

Coa concentración deste vindeiro domingo e a campaña social que a acompaña os colectivos que promoven esta iniciativa exixen  o peche de todas as casas de apostas e a prohibición total e a ilegalización de todo tipo de xogo ligado ao mundo das apostas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.