Cun concerto do grupo de folk fusión CALDO iníciase, este sábado, a nova temporada da programación cultural da Casa-Museo Manuel María

Brais Morán, Berlai, Vero Rilo e Sonsoles Penadique, Títeres Alakrán, Lucecús Teatro… son algúns dos músicos e actores que pasarán polo auditorio da Casa-Museo até final de ano

A Casa-Museo Manuel María comeza este sábado, 19 de outubro, após o período de verán, nova temporada cultural que vén desenvolvendo no seu auditorio desde que abriu as súas portas. O grupo de folk fusión CALDO será o primeiro en actuar sobre o cenario do auditorio da Casa-Museo, a partir das 19 horas deste sábado, presentando o seu traballo homónimo.

As persoas asistentes poderán escoitar unha proposta apoiada no repertorio tradicional galego e en creacións propias, onde salienta a calidade dos seus músicos, que cos seus instrumentos ligan as melodías de raíz con outros contextos musicais, obtendo unha sonoridade singular.

Pedro Fariñas, guitarra, María Jorge, violín, e Anaïs Barbier, voz e pandeireta, son músicas de grande experiencia no mundo da música tradicional e noutros estilos musicais como mostran os distintos proxectos en que na actualidade participan SonDeSeu, Dadga, Fiandola, Transilvanians, High Paw…

O concerto é de entrada libre até encher o aforo mais é necesario reservar entrada en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

Outros espectáculos até final de ano

Algúns espectáculos que se poderán ver e desfrutar este último trimestre do ano na Casa-Museo Manuel María xa teñen data, como é o caso, para público familiar, da peza teatral “Os libros contraatacan” de Lucecús Teatro, que será o próximo 26 de outubro; “Circo Galaico”, de Títeres Alakrán, o 9 de novembro; e a música e oralidade de Vero Rilo e Sonia Penedique que presentarán o seu último proxecto “Historias con susto para durmir a gusto”.

O público adulto terá ocasión de gozar co músico Brais Morán que presentará o 16 de novembro composicións do seu traballo “No mato do desespero” e da súa nova etapa musical como “Disque ao so(u)l”, e con Berlai, o 14 de decembro, que fará un concerto musical, acompañado das ilustracións do seu último traballo, o cómic-CD “Desconhecido”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciseis + 14 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.