@depulugo. Cincuenta aniversario do Museo Provincial do Mar de San Cibrao

A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, participou este venres na celebración do cincuenta aniversario do Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o máis antigo de Galicia de iniciativa pública nesta materia.

Durante o acto púxose en valor a achega das mulleres na conformación do patrimonio que garda o museo coa descuberta dunha placa homenaxe, obra da artista Violeta Bernardo, co epígrafe “A voz das silenciadas”.

Ademais, a Vicepresidenta recolleu un arquivo cedido ao museo polos investigadores Chema Leal e Xosé Ramón Fernández Pacios, que recompila arredor de 3.000 documentos localizados en distintos arquivos galegos, españois e internacionais referidos ao papel das mulleres na vida ecónomica, social e cultural da Mariña Lucense entre 1650 e 1900.

O material, dixitalizado, servirá así como fonte documental para a investigación da historia da comarca con perspectiva de xénero. “Quen queira indagar como vivían as mulleres da comarca nese período histórico poderá recorrer a este arquivo que inclúe expedientes moi diversos: desde contratos matrimoniais ou denuncias por fillos non recoñecidos ata escritos que documentan as prohicións e normas que se impuñan ás mulleres para descargar sardiña meténdose no mar ou para ir segar a Castela”, detallou o investigador Chema Leal.

A xornada reuniu a antigos alumnos da escola unitaria que o 11 de outubro de 1969 comezou a funcionar tamén como museo, por iniciativa do mestre Francisco Rivera Casas. “O xerme  foi unha iniciativa pedagóxica. Para achegarnos á cultura do entorno recolliamos cunchas, algas e outros obxectos relacionados coa vida mariñeira. Eses foron os primeiros fondos do museo”, relatou o xornalista Javier Rivera, un dos estudantes e neto do fundador.

Ante un público entre o que estaba o alumnado do CEIP de Cervo, Maite Ferreiro concluíu que “é obrigado coidar o patrimonio que atesoura o museo para  legalo ás xeracións futuras como o recibimos” e agradeceu o traballo do persoal da Rede Museística Provincial.  Ademais, lembrou que “a celebración do aniversario non remata con este acto senon que continúa cun programa de actividades que se extenderá nos vindeiros meses e que incorporará diferentes voces do tecido cultural e social da comarca”.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

siete − tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.