@ElenaCandiaLu insta a José Tomé a votar a favor da moción do PP en apoio de As Pontes

O pleno da Deputación Provincial debaterá mañá, en sesión extraordinaria solicitada polo Partido Popular, a moción presentada polos populares en defensa da industria  térmica de Endesa en As Pontes. A proposta de acordo, para a que o PP espera conseguir o apoio dos outros grupos provinciais (PSdeG e BNG), é a seguinte: «O pleno da Deputación Provincial de Lugo amosa todo o seu apoio e solidariedade cos traballadores da central térmica de Endesa en As Pontes, coa industria auxiliar,  cos transportistas vencellados a ela e co porto de Ferrol, esixindo do Goberno de España  a aplicación de medidas urxentes para garantir a inmediata reapertura da central de As Pontes e, no caso contrario, a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, principal responsable da situación da central pontesa».

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, di que o máximo responsable da Deputación, José Tomé, viuse na obriga de convocar a sesión plenaria, pois a solicitude formulada polo PP reunía todos os requisitos legais, pero intentou evitala mediante unha manobra de distracción, na que non caeron os populares, como foi a proposta feita polo PSOE para firmar unha declaración institucional. Pretenderon librarse do pleno extraordinario, engade, seguramente para evitar o bochorno de votar en contra desta iniciativa como fixeron coa moción en defensa de Alcoa.

Segundo Candia, o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, con máis ousadía que respecto institucional, por máis que continuamente intente dar unha imaxe moi institucional, cualificou no seu día de «espectáculo» a moción presentada polo PP en defensa de As Pontes, que non apoiou o PSOE. O máximo responsable da Deputación vai a remolque dos acontecementos; non foi capaz de asumir no momento preciso a responsabilidade institucional que lle corresponde. Esqueceu unha regra fundamental que un clásico da teoría política formulou así: «A tardanza róubanos a miúdo a oportunidade e rouba as nosas forzas». Pois José Tomé, di Candia, reaccionou tarde e mal no caso de Alcoa e vai polo mesmo camiño no caso de As Pontes. Quizá a culpa radique en instrucións dadas polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que non acaba de encontrar o seu sitio na política galega e só sabe exercer como delegado de Pedro Sánchez en Galicia.

O Partido Popular solicitou o pleno extraordinario porque a de As Pontes, como a de Alcoa, é unha situación extraordinaria, que pon tamén en situación extraordinariamente perigosa, tanto económica como socialmente, á provincia de Lugo, especialmente para as comarcas de A Mariña e Terra Chá. O PSOE, obrigado a convocar a sesión, intentou evitala in extremis coa súa proposta de declaración institucional, que non foi capaz de presentar por escrito aínda que só fora a modo de borrador. Iso si que é «espectáculo», sinala Candia,  iso si que é dar un penoso espectáculo político. Cando o grupo provincial do PP solicitou o pleno, no PSOE cualificaron esta iniciativa como espectáculo de circo. Mañá, José Tomé e todo o grupo socialista terán que retratarse á hora de votar a proposta do PP. En todo caso, hai que recordar que foron os socialistas os que romperon o consenso no caso de Alcoa. É cousa de recordar tamén que, se ben todos podemos    ter as mesmas preocupacións, non temos iguais responsabilidades, porque o que preside e goberna a Deputación é o socialista José Tomé. Os cidadáns piden acordos, si, pero sempre é o PSdeG-PSOE o que os rompe. Tamén neste caso, como se demostrou no pleno sobre Alcoa.

Na moción popular recórdase que, o 27 de setembro, Endesa comunicou a descontinuidade da produción nas súas centrais térmicas, entre elas a de As Pontes. No texto indícase que «esta decisión ten unhas implicacións dramáticas para Galicia, en xeral e para as comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal, Terra Chá e a Mariña lucense en particular».  A moción recolle: «Este peche materializaría a perda de centos de empregos nestes concellos e tería un impacto económico e social con consecuencias dramáticas paras estas comarcas. Non podemos tolerar esta situación nin manternos impasibles ante o desmantelamento dun sector económico que xera moita riqueza e do que viven centos das nosas familias». No texto queda clara a necesidade de «amosar a unidade de acción que os nosos veciños se merecen para denunciar este novo castigo e esixir inmediatamente solucións que garantan o futuro e os empregos e eviten unha nova reconversión industrial nesta zona». Convén recordar que a central térmica de As Pontes da emprego directo a 700 persoas e xera un impacto económico na zona de 80 millóns de euros ao ano.

Os problemas de Alcoa e de As Pontes están directamente relacionados coa improvisación do Goberno central no deseño da transición enerxética, que non se planificou debidamente para que sexa xusta e ordenada. Unha transición, sinala a presidenta provincial do PP, que ten que ser pensada para manter a actividade industrial e os postos de traballo.

O do PSOE, en relación coas plantas de Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes é, segundo Candia, un deses que encaixan perfectamente no aviso do clásico acerca da falta de sabedoría política de quen, gobernando, no sabe recoñecer os problemas ata que os ten enriba. E iso é malo para os gobernados, pero, sinala Elena Candia, aínda sería peor que o presidente da Deputación recoñecese os problemas e, por interese táctico ou estratéxico, decidira non facer nada. «No pleno de mañá verase en cal das dúas posibilidades encaixa a actitude de José Tomé e o grupo socialista».

Polo seu lado, o popular vilalbés Agustín Baamonde di: «A posibilidade do peche de Endesa-As Pontes é a espada de Damocles que ten enriba a Terra Chá. Na xente produce o lóxico desacougo e indignación pola falta de defensa firme por parte da Deputación, que se puxo de perfil, e do Goberno central, que aínda non manifestou con claridade se quere o ou non o peche da central. Pero tamén hai determinación porque se se quere, hai futuro, iso si, mediante unha transición enerxética adecuada, tal e como indica a UE e fan países como Alemania, que manteñen ciclos máis longos para as súas centrais térmicas».

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecinueve + 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.