@ElenaCandiaLu: “O presidente da @depulugo José Tomé rexeita co seu voto de calidade a moción do PP en apoio de Endesa-As Pontes”

O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, asumiu hoxe en primeira persoa a responsabilidade de rexeitar na Deputación a moción defendida polo PP, no pleno extraordinario que solicitou, para reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez medidas para garantir o futuro da térmica de Endesa en As Pontes e o dos seus traballadores. A iniciativa popular foi defendida polo vilabés Agustín Baamonde, que acabou resumindo así a posición dos socialistas: «Saímos de aquí abraiados, porque vostedes, que son os que están en relación co Goberno da nación ofrecen [aos traballadores] bágoas en día de choiva».

A moción popular tiña por obxectivo buscar o acordo do pleno para amosar pola Deputación « todo o seu apoio e solidariedade cos traballadores da central térmica de Endesa en As Pontes, coa industria auxiliar,  cos transportistas vencellados a ela e co porto de Ferrol, esixindo do Goberno de España  a aplicación de medidas urxentes para garantir a inmediata reapertura da central de As Pontes e, no caso contrario, a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, principal responsable da situación da central pontesa». Baamonde dixo que o PP solicitou o pleno extraordinario para dar á institución provincial «a oportunidade de expresar a solidariedade cos traballadores», así como o compromiso na defensa da economía da provincia e de Galicia. Explicou de novo que o PP non puido aceptar a declaración institucional que propuxo o goberno provincial, despois da convocatoria do pleno. Non foi, dixo, por non estar de acordo en que este é un asunto de país, que require unidade, senón «pola desidia e inacción» da Deputación neste asunto, que estivo «de perfil» e chegou a acusar aos populares de querer montar un espectáculo de circo

Baamonde destacou que o actual estado de cousas e as solucións necesarias poñen o foco no Goberno central. Apuntou que seguramente o Goberno coñecía as intencións da empresa e non reaccionou, e cando o fixo non aportou solucións. Apuntou unha dura crítica á falla de planificación da transición enerxética, da que dixo que ten que ser ordenada e rigorosa para manter a paz social

Á vista dos argumentos expostos pola socialista Pilar Porto e o nacionalista Efrén Castro, Baamonde resumiu con un contundente excusatio non petita accusatio manifesta, porque PSOE e BNG tentaron desviar o foco desde o Goberno central á Xunta.

Baamonde está convencido de que os dous grupos do goberno provincial estaban máis preocupados polo debate en si que por buscar solucións ao problema, que é o do futuro de Endesa-As Pontes e o dos seus traballadores directos e indirectos. Chegou a dicir que se a Deputación se houbese posto ao lado dos traballadores, o PP houbera aceptado firmar a declaración institucional, porque os populares «non queremos protagonismo, senón ser partícipes da solución do problema». Afirmou: «Na nosa proposta non hai electoralismo». Dixo que socialistas e nacionalistas falan de buscar solución para Endesa-As Pontes «pero con vaguedades». Preguntouse se non estarán tratando de gañar tempo ata despois das eleccións xerais.

Socialistas e nacionalistas presentaron unha emenda á moción do PP, que propuxo modificala. Tras un receso de cinco minutos non houbo acordo, pese a que os populares propuxeron un acordo baseado no adoptado no Parlamento días pasados. Non foi posible, porque PSOE e BNG non aceptaron.

Á hora de votar, houbo empate a 12, e foi o propio presidente, o socialista José Tomé, o que, co seu voto de calidade, decidiu rexeitar a moción popular, na que, en síntese, se pretendía esixir ao Goberno de España «a aplicación de medidas urxentes para garantir a inmediata reapertura da central de As Pontes e, no caso contrario, a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, principal responsable da situación da central pontesa».

Antes do inicio da sesión plenaria, a voceira popular na Deputación e presidenta provincial do PP, Elena Candia, deixou moi claro que «estamos nunha situación extraordinaria e, probablemente, todos temos as mesmas preocupación pero non todos os grupos políticos teñen a mesma responsabilidade».

Engadiu: «O que pasa é froito da improvisación do Ministerio e está provocando dúbidas, incertezas e grandes preocupacións a familias que non saben cal vai ser o seu futuro inmediato». Tamén declarou: «Todos nas institucións temos que falar claro, non podemos poñernos de perfil neste momento na nosa provincia; están tocadas de maneira moi preocupante estruturas industriais que xeran moitos postos de traballo».  Tamén dixo Candia: «As familias que saen a manifestarse en Madrid para esixir que non se peche Endesa queren que os políticos de Lugo falen alto e claro e que xestionen e cambien a decisión do Ministerio, que pode provocar un dano irreparable na nosa provincia».

Elena Candia entende que «posiblemente esteamos no momento más difícil dos últimos anos; nós falamos alto e claro». Manifestou: «Os traballadores e os veciños saben que este partido está ao seu lado, estivemos na concentración en Xove e estaremos na de Cervo; é un mecanismo máis para facer corrixir o que cremos que son improvisacións que poden provocar prexuízos moi grandes na nosa provincia».

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.