Entrevista a Xosé Edrosa Leal sobre o conflicto co proxecto mineiro de ERIMSA na Terra Chá

Despois dunha longa tregua de varios anos, ERIMSA volta ás andadas na Terra Cha luguesa no seu novo intento de pór en marcha a explotación mineira de seixo, un proxecto que fai máis dunha década foi recibido polos veciños e veciñas chairegas cunha forte oposición, logrando paralizalo, xa que segundo as asociacións que mostraron no pasado una forte oposición,  de levarse a termo causaría uns enormes perxuízos á  zona que é un referente agrogandeiro do noso país, coa implantación de importantes industrias lácteas, de fabricación de pensos e servizos vencellados a esta actividade.

  21 NOTICIAS púxose en contacto con Xosé Edrosa, presidente do Ateneo Galeguista desta bisbarra, unha asociación moi activa que desenvolveu un importante papel de oposición a este proxecto, baseándose sempre en  datos obxectvos de base científica, pois son varios os informes de prestixiosos expertos das Universidades de Santiago e de A Coruña nos que se reflicten os graves impactos para a zona.

 Este luns, a Comisión formada por representantes das distintas asociación e entidades veciñais reuníronse na vila de Muimenta (Cospeito) para adoptar os pertinentes acordos referidos ás actuacións a desenvover nos vindeiros días, entre as que figura unha xuntanza urxente cos alcaldes de Abadín, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Riotorto e Vilalba, concellos afectados polo devandito proxecto que abrangue preto de seis mil hectáreas.

  Xosé Edrosa responde ás nosas preguntas nos seguintes termos:

  G.S. Que proxectos vai pór en marcha ERIMSA?

   X.E.  De momento non temos datos oficiais ao respecto, pero segundo a información oficiosa, trátase dos mesmos proxectos formulados fai máis dunha década; as Declaracións de Impacto Ambiental tamén parece ser que son as mesmas, documento que de ser así podería estar caducado.

  G.S.  Se son os mesmos proxectos e a mesma DIA, que varía  agora para que a ERIMSA se lle conceda o correspondente título validante para a actividade extractiva, cado anteriormente lles foi informado desfavorablemente pola Administración Autonómica e consecuente denegación das licenzas de explotación polos concellos?

  X.E. Interesante pregunta. Ese vai ser o principal fundamento que ao meu parecer deben basearse as nosas razóns de oposición, alomenos vai ser a tese que vai adoptar este Ateneo, seguramente coincidente coa dos demais colectivos. Pois se antes os impactos que causaría a referida actividade eran incompatibles coas distintas proteccións e valores dos solos afectados pola actividade proxectada, nada cambiou neste sentido, motivo polo que as distintas Administracións, incluída a local, deben manter o mesmo criterio, pois o contrario sería entrar en contradicción e, o máis grave, renunciar á defensa e protección dos valores afectados á que estan obrigadas por imperativo legal. Dito isto, resulta obvio que as condicións do solo non cambian por si só, e se antes había que protexelo, agora tamén.

  G.S. A lexislación do solo cambiou dende aquela. Esta é máis permisiva, non?

  X.E. Si, agora temos unha nova Lei do Solo de Galiza de 2016. Esta Lei permite xenericamente as actividades extractivas en solo rústico, pero isto non supón en modo algún que haxa “barra libre” para este tipo de actividade, pois dentro do perímetro das seis mil hectáreas  e en concreto dos proxectos formulados  pola promotra,existen  múltiples elementos e valores merecentes de protección que deben ser preservados.

  G.S.  Entón o artigo 35 da Lei do Solo que teño diante dos meus ollos, non é unha porta aberta para que pase esta actividade?

  X.E.  Efectivamente é unha porta aberta, pero antes de pasala hai que  ponderar outros bens xurídicos que deben ser tidos en conta, como son o de aqueles solos merecentes de protección, tal como nos indicaban os informes sectoriais emitidos ao respecto polas distintas Administracións, incluída a urbanística. Respecto ao artigo 35 que vostede tén diante,   non cómpre entendelo  como un todo absoluto, senón coma unha norma que abre unha posibilidade que debe ponderarse e conciliarse con outras,  incluso as de maior rango normativo que concurren. Así é o Dereito. O medio ambiente é outro factor a ter en conta, pois partindo do mandato establecido no artigo 45 da CE que obriga aos poderes públicos a velar pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer  e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente, apoiándose na indispensable solidaridade colectiva. Isto é o que estamos a facer dende o movemento asociativo, defendendo non só os nosos dereitos, senón tamén os das futuras xeneracións.

  1. S. Tendo en conta que son os concellos os que teñen a últma palabra neste asunto, que agardan dos alcaldes diante deste conflicto?

  X.E. Responsabilidade e firmeza na defensa dos intereses das veciñas e veciños  e do propio interese xeral que supón a preservación dos valores ameazados de levarse a termo este proxecto.

  G.S. Remata de dicir que está ameazado o interese xeral. En que basea esta afirmación coa que, obviamente,  Erimsa non vai estar de acordo, pois máis dunha vez lles teño escoitado que cos seus novos métodos de explotación, podía considerarse incluso unha actividade agrícola?

  X.E. Comezo polo final da súa pregunta. Actividade agrícola de ningún xeito, é un concepto equivocado ou mellor dito interesado e que forma parte do   argumentario utilizado na súa defensa, asi como para animar á xente a que ceda os seus terreos. En cambio, o que entendemos o resto dos mortais por actividade agrícola é a de producir bens de consumo humano ou animal, ademais doutros beneficios que aporta á humanidade;  en cambio, a actividade extractiva é arrincarlle á terra os seus nutrintes  e constituíntes máis grosos, necesarios para a súa conservación e función.

  Dito isto, quero constatar que,  o primeiro que fixo este Ateneo foi recabar os correspondentes informes científicos a tres ilustres catedráticos de prestixio das Universidades de Santiago e de A Coruña. Por elo, as observacións que deixo feitas, máis aló do meu coñecemento empírico, van avaladas pola opinión autorizada destes expertos.

En honor a estes informes, dos que agradezo aos seus autores o  facilitarmos de forma gratuíta e desinteresada, gustariame salientar algún dos impactos  que suporía a actividade proxectada sobre os solos afectados. Por exemplo, algunha das consideracións ao respecto emitidas por  don Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC.

 “1) Os diferentes polígonos declarados como futura explotación mineira afectan fundamentalmente  a os solos definidos por su aptitude agronómica (Capacidad Produtiva de los Suelos de Galicia: mapa 1.200.000 Díaz-Fierros, F. y Gil Sotres. Santiago, 1984 e Os Solos da Terra Cha.Tipos, xénese e aproveitamento. Castelao, A. Díaz-Fierros, F. Lugo, 1992) como de clases AP 44 e AP 64. Nos dous casos son solos de unha elevada capacidade productiva para pastos. Só no caso do AP 64 existe un risco de lixeiro déficit de auga, fácilmente subsanable coa rega.

 2) A reposición do solo orixinal, que contemplan os plans de restauración da zona, non supón unha volta as condicións orixinais polas seguintes razóns:

  1. a) O volumen que se devolve ao oco mineiro é inferior ao que existía inicialmente porque del foi eliminado un 18 % de gravas de cuarzo para a súa explotación mineira. O efecto desta substracción traduciriase nunha diminución do nivel do chan de uns 50 cm. sobre o nivel do entorno non afectado pola explotación.
  2. b) O material que se devolve ao oco mineiro, por outra parte, debe ser moito menos permeable co solo orixinal por que se lle destruiu a súa estructura e porque perdeu boa parte dos seus constituintes máis grosos.

 3) En consecuencia, o novo solo reposto, cun nivel máis baixo co entorno e moito menos permeable co orixinal, debe ser moito máis susceptible ás inundaións. A capacidade agronómica para a súa utilización como prado debe mirarse como gravemente afectada por estas modificacións.

 4) Finalmente, quere chamarse a atención sobre a importancia que teñen para Galicia os solos correspondentes a estas clases de excelencia agronómica, que supoñen menos do 10% dos solos adicados a prados ou a cultivos. Unha parte moi significacitiva destes solos atópanse na Terra Cha, maiormente os de vocación cara os pastos, polo que a súa conservación debe ser obxectivo fundamenal dos poderes públicos. Maiormente cando a degradación a que van ser sometidos e moi difícilmente subsanable, como acontece neste caso”.

  Este informe foi asinado polo autor, o 18 de febreiro de 2009.

  O que di este experto sobre os proxectos de referencia é suficientemente elocuente para que as chairegas  e chairegos esteamos preocupados.

  G.S. Segundo temos noticia, Erimsa mercou unha finca na zona de Castro de Rei, en concreto na parroquia de Triabá. Sendo así, pode comezar sen máis a súa actividade extractiva?

  X.E. O feito de mercar unha finca rústica non che dá dereito nin che asegura que podas desenrolar nela unha actividade industrial, se non se cumpren os requisitos que sinala a lexislación aplicable; esa parece ser a situación na que se atopa a promotora deste proxecto na parroquia de Triabá. Polo tanto, estaríamos diante dunha arriscada actividade ilegal, iniciada pola vía de feito e non de dereito, motivo polo que o concello de Castro de Rei debe ordenar a súa paralización inmediata.

  G.S. Que efectos xuridicos  suporía esta actividade nesta parcela particular da empresa?

   X.E. Soporía moito para esta empresa, sempre que se faga baixo o correspondente título habilitante, pois consolidaría o dereito desta concesión. Explícolle: Unha concesión  non conleva por si soa  o dereito de explotación se non se cumpren os demais requisitos. Este era e segue, obviamente, o obxectivo principal de Erimsa cando formulou estes proxectos de explotación fai varios anos. Incluso, lembremos, que chegou a asinar un convenio coa Consellería de Industria, unha especie de protocolo de boas prácticas no que se dicía reducir a explotación ao 70% da concesión, pero aquel acordo non modificaba o dereito de superficie de dita concesión, o que significaba que só era papel mollado.

  Aquel protocolo-trampa  quixéronnolo vender  coma un gran logro das asociacións, un engano no que, afortunadamente, non caemos. Algo tivo que ver este Ateneo enfrontándose enerxicamente contra aquela proposta que tiña algún cualificado defensor entre nós. Unha historia francamente triste.

  G.S. Como explica vostede que urbanísticamente se liberalice o solo no xeito que contempla a Lei do Solo de Galiza, abrindo a vía de xeito indiscriminado ás actividades   extractivas?

  X.E.  É unha contradición e un incentivo máis para o baleirado  do rural, cando os políticos nos están a dicir a cotío que lles preocupa moito esta cuestión e que van tomar medidas ao respecto, pois con medidas coma esta, apaga e vámonos.

  G.S. Vostede ten unha longa experiencia no mundo do urbanismo, disciplina a que se tén adicado unha gran parte da súa vida. Cando ve a situación actual na que xurden  desafíos do teor deste proxecto, que sente?

  X.E. Moita pena. Explicabao amplamente no meu  traballo  A MINEIRÍA E A ORDENACIÓN DO TERRITORIO EN GALIZA“, publicado por ese mesmo grupo. A ordenación do territoria segue a ser unha asignatura pendente para moitos dos nosos concellos, tamén da Terra Cha. É necesario, pois, acometer unha ordenación do territorio acorde co  novo marco e esixencias que nos demanda a lexislación europea adaptada ao noso medio, protexendo os importantes  valores do noso rural, tamén poñendo en valor as súas enormes potencialidades, dando de tal xeito a necesaria seguridade xurídica a aqueles persoas que viven e desenvolven a súa actividade neste medio. Paréceme un erro que se adopten medidas coercitivas cando as Administracións públicas non fixeron os seus deberes. Un feito que trae causa en moitos dos aspectos  comentados nesta entrevista.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce − 12 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.