Feijóo salienta que “o exemplo de Galicia consegue atraer a valiosos mercados ao noso sector da automoción”

Destaca que será o primeiro vehículo producido por Toyota en España e que converterá a Galicia no lugar desde o que se centralizará a produción para toda Europa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que o exemplo de Galicia como estabilidade, futuro, compromiso co medio ambiente e colaboración é o que consegue atraer a valiosos mercados ao noso sector da automoción.

Fíxoo durante o acto de presentación dunha unidade preserie do modelo Toyota Proace City, que será o primeiro vehículo producido por Toyota en España e que converte a Galicia no lugar desde o que se centralizará a produción para toda Europa.

Logo de destacar a “alegría” porque Galicia volva ser o lugar no que unha marca internacional poña o ollos para que sexamos o punto de partida dun vehículo novo e punteiro, Feijóo reivindicou que a suma de novos e valiosos mercados amosan unha vez máis o exemplo que é Galicia.

Deste xeito, o titular do Goberno autonómico referiuse á nosa Comunidade como un exemplo de estabilidade, sinónimo de certezas e futuro para empresas e traballadores. E incidiu en que a nosa terra conta cun ecosistema de estabilidade entre o sector da automoción, a industria auxiliar e Administración autonómica.

Feijóo salientou ademais que Galicia é exemplo de futuro. Un futuro no que PSA ten a previsión de volver ás cifras de produción que manexaba antes da crisis –máis de 500.000 vehículos ao ano-; e no que a factoría fabricará 35.000 vehículos ao ano durante a próxima década deste novo modelo, o que repercutirá directamente na industria auxiliar coa creación de 1.000 novos postos emprego.

Dentro dese futuro, o presidente da Xunta enmarcou tamén a Galicia como exemplo do compromiso co medio ambiente no seu camiño cara a unha Galicia máis verde. A ese respecto, aproveitou para trasladar que a Xunta empuxará con 5 millóns de euros -repartidos en dous anos, entre os Orzamentos de 2020 presentados onte, e os de 2021- a iniciativa de electrificación de vehículos de PSA, que ten como obxectivo que, nos próximos cinco anos, todos os seus vehículos dispoñan dunha versión eléctrica.

Nesta liña, sinalou esta aportación como unha pequena demostración de que Galicia é ademais exemplo de colaboración, que destacou como imprescindible para trazar unha ruta segura e frutífera da industria galega e da automoción en particular.

Feijóo concluíu destacando que neste momento en Galicia a industria da automoción está a facturar 8.500 millóns de euros, dos cales 5.700 son exportacións, que supón 22.000 empregos, e que 1 de cada 6 coches fabricados en España sae da nosa Comunidade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

8 + 11 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.