@G_Caballero_M “O vindeiro goberno progresista da Xunta porá a Lugo no centro de atención”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Lugo para, en compañía da alcaldesa, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé, denunciar os “incumprimentos” de Feijóo con esta cidade.

“Feijóo fixo moitas promesas, pero non cumpriu con Lugo. Fixo moita política de botafumeiro, pero se esqueceu de cumprir os grandes compromisos con esta cidade”, recalcou o líder dos socialistas galegos en presenza de dirixentes da federación de veciños de Lugo.

Fronte ao punto onde estaba prevista a realización da segunda fase da Rolda Leste, unha obra “moi necesaria” para a cidade e para boa parte da provincia, como explicou Lara Méndez, Gonzalo Caballero deixou patente “o noso compromiso para poñer a Lugo no centro de atención nas políticas autonómicas e nas prioridades dun goberno da Xunta progresista en Galicia”.

“O queremos facer porque sabemos que a Lugo non lle vai ben con Feijóo á fronte da Xunta”, explicou o máximo dirixente do PSdeG, quen apostou por construír “o Lugo do século XXI”.

“Hoxe referendamos aquí o inicio dunha nova páxina para Lugo, que é o inicio dun compromiso do Partido Socialista, para, dende un goberno progresista en Galicia, atender as demandas que Feijóo non atendeu en once anos e que non ten tempo máis que agora para prometer”, asegurou Gonzalo Caballero, consciente de que Feijóo aproveitará o último ano da lexislatura para prometer todo o que non fixo en 11 anos.

“CUMPRIMOS CON LUGO”

Así, o candidato socialista á Presidencia da Xunta anticipou “uns meses de política botafumeiro, de moitos anuncios pero de pouca concreción” tras anos de “incumprimentos e as falacias de Feijoo con Lugo”. “Os socialistas comprometémonos a cumprir con esta cidade”, remarcou.

De feito, Gonzalo Caballero evidenciou que así se está facendo xa dende a Deputación e dende o Concello de Lugo, pero “a Xunta nin está nin se lle espera”.

O “mellor exemplo”, como dixo, é a segunda fase da Rolda Leste, unha infraestrutura iniciada polo goberno de Emilio Pérez Touriño e que é “fundamental para permitir un acceso ao HULA con maior facilidade para todos os veciños de Lugo e tamén da provincia”.

“O goberno progresista que salga dunhas eleccións autonómicas garante o seu compromiso co financiamento, coa execución e  con pasar das palabras aos feitos”, prometeu Gonzalo Caballero, quen estendeu o compromiso ás outras “débedas históricas que a Xunta ten con esta cidade”.

“Se os galegos nos dan un apoio maioritario cando Feijoo convoque as eleccións autonómicas, o noso compromiso con Lugo vai ser unha prioridade de país”, concluíu, consciente da importancia tamén do Museo da Romanización e da recuperación do cuartel de San Fernando, das melloras pendentes no saneamento e nos comedores escolares, así como da recuperación do casco histórico, da promoción dos tramos do Camiño de Santiago e das necesidades do HULA.

“A LUGO VAILLE BEN CO PSOE”

Ao fío disto, o secretario xeral do PSdeG destacou que “a Lugo vaille ben cando os socialistas gobernamos no Concello, cando os socialistas gobernamos na Deputación e cando os socialistas gobernamos en España con Pedro Sánchez”, atendendo aos “grandes compromisos históricos desta cidade e desta provincia”.

En cambio, contrastou, “o Partido Popular soamente se acordou de Lugo para facer grandes promesas que non cumpriu”.

LARA MENDEZ

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo agradeceu a presenza e “o compromiso coa cidade” do líder dos socialistas galegos, fronte aos “anuncios a bombo e platillo” de Feijóo que non se materializan.

No que atinxe á finalización da Rolda Leste, recordou que a Xunta garantiu que o proxecto estaría en exposición pública no primeiro trimestre deste ano. “Estamos no último, preto de cumprir un ano dese anuncio, e non sabemos absolutamente nada”, reprobou Lara Méndez, quen censurou os “enganos” do PP en época electoral.

“Esta é unha débeda de Feijóo, porque no ano 2009 estaba proxectada a primeira fase, que se fixo co goberno socialista, e estaba prevista a finalización e a segunda fase, pero o señor Feijóo, como era un proxecto de Lugo, deixouno no caixón con nocturnidade, alevosía e premeditación”, lamentou.

Ademais, a rexedora argumentou que se trata dunha vía necesaria á vista de que o seu tráfico pasou de 650 vehículos a 4.700 que ten a día de hoxe, porque é un punto de acceso para moita xente non só da cidade, senón doutros concellos da provincia”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.