@LucaChao_ esixe a retirada da propaganda LGTBIfóbica de Hazte Oír dos centros de ensino.

 Luca Chao presentou onte na Comisión de Educación unha iniciativa para que a Consellería de Educación proceda á retirada da propaganda LGTBIfóbica que Hazte Oír está a repartir nos centros de ensino galegos. En concreto, trátase de 23.000 exemplares enviados a centros de todo o Estado, da campaña ‘Protege a tus hijos contra la ideología de género: exige el PIN Parental’, que pretende a implantación obrigatoria nos centros educativos do PIN Parental ou ‘Solicitude de información previa e consentimento expreso’. Este documento, unha vez asinado e entregado, pretende obrigar os centros a informar cada vez que se imparte formación afectivo-sexual para que as familias autoricen ou non a asistencia dos menores.
“Non vou apelar unicamente a que isto atenta contra a mesma Constitución Española no seu artigo 14, ou á Lei galega 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia, porque iso xa o dixemos, é que isto vai mais aló. Desde aquela primeira cruzada de Hazte Oír nos centros de ensino e co seu bus tránsfobo, foille revocado o interese público como asociación, pero o Goberno permítelles aínda así, que sigan entrando nos centros de ensino. Cando pedimos que llelo prohibise, non o fixo”, dixo Luca Chao, facendo referencia a unha iniciativa do 2016 na que tamén se solicitaba a retirada desta propaganda LGTBIfóbica e ante a que o PP votou en contra. Na Comisión de hoxe, bloquearon de novo a aprobación da Proposición Non de Lei. “Lamentamos, unha vez máis, que o Partido Popular sexa morno na crítica e decida votar en contra da nosa proposta”, manifestou a voceira do Grupo Común da Esquerda.

“A xente que pretende que censuremos os currículos escolares consensuados e respaldados por anos de traballo das comunidades escolares e das administracións, onde sempre se considerou importante e necesario educar desde as idades máis temperás nos principios de igualdade na diversidade, son os mesmos que falan de ‘adoutrinamento da ideoloxía de xénero’. Por sorte a reacción do profesorado e da comunidade educativa foi inmediata, mesmo constituíndose en rede de apoio LGTB nada máis recibir as primerias misivas LGTBIfóbicas nos centros de Pontevedra e A Coruña”, denunciou Luca Chao. Estas redes de apoio están a demandar á Consellería de Educación que inste os equipos directivos dos centros de ensino a retirar a propaganda “falaz e anticonstitucional” de Hazte Oír coa maior dilixencia posible, para “garantir a legalidade educativa vixente en Galicia”. “Desde o grupo Común da Esquerda non podiamos menos que sumarnos a esa demanda desde o noso papel como representantes públicos nesta institución”, apuntou Luca Chao.

“Cada neno ou nena sinalada por ser diferente é un erro noso como sociedade. Cada moza ou mozo adolescente que se quita a vida por isto é unha morte que nos ten que facer repensar na importancia e que teñen estas accións de asociacións ultracatólicas sobre a rapazada que se sente sinalada, porque é o que fan, sinalan a nenos e nenas. Pódese ser mais perverso? Os colectivos destacan que o rexeitamento familiar, o acoso escolar e da contorna e os obsoletos e patoloxizantes modelos de atención sanitaria son as causas destes asasinatos sociais e institucionais”, denunciou a deputada. “Na loita contra as violencias machistas, na loita pola igualdade e polo respecto á diversidade non cabe un paso atrás, e por iso dicimos que esta propaganda ten que saír de xeito inmediato dos centros de ensino. Fraco favor lle fai o Partido Popular á igualdade poñéndose de lado neste asunto”, finalizou.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciseis + 7 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.