@LucaChao_: “Non imos permitir que a próxima crise volva pagala a clase traballadora”

 A voceira do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, afirmou este luns que “non imos permitir que a próxima crise volva pagala a clase traballadora” na súa valoración do informe do Consello Económico e Social (CES), feito público recentemente. “Como explicamos no Debate do Estado da Nación, o balance de dez anos de goberno Feijóo tradúcese en menos crecemento, menos emprego, menos benestar e mais débeda. O CES reforza esta conclusión con datos ben preocupantes”, sinalou.
Entre estes datos destaca a caída do peso dos salarios no PIB, que era dun 48% en 2009 e baixou case seis puntos, ata o o 42,4% en 2018. “Feijóo pasará á historia porque na súa presidencia a participación dos asalariados na riqueza acadou o seu valor máis baixo dende que existen estatísticas. É a consecuencia clara de políticas que fomentaron a precariedade e a desigualdade. A consecuencia directa de facer que os e as de abaixo pagaran a crise”, criticou Luca Chao. A este fenómeno súmase a perda de poboación activa, que o informe cuantifica en 71.300 persoas entre 2008 e 2018, un ritmo de redución (-5,4%) que quintuplica o descenso medio do Estado, redución especialmente importante na poboación máis nova. Ademais, a cifra de fogares galegos sen ningún activo é de case un tercio (31,8%).
Ante estas cifras, a voceira lamentou que “o goberno de Feijóo non está facendo nada contra a precariedade e o desemprego. Non só non aporta solucións, senón que recorta os fondos destinados a atallar este importantísimo problema”.  Así, incidiu en que para o Grupo Común da Esquerda “a defensa do emprego de calidade é unha prioridade absoluta. Urxe intensificar as políticas públicas para xerar máis emprego e, sobre todo, de mellor calidade. Máis aínda nun momento no que se percibe un cambio de ciclo na economía galega, que está entrando nunha fase preocupante de desaceleración”.
Luca Chao asegurou ademais que “tampouco imos permitir que sigamos sendo as mulleres as que paguemos máis as consecuencias da precariedade. O traballo a tempo parcial continúa sendo un fenómeno eminentemente feminino, en gran medida, porque somos as mulleres as que seguimos ocupándonos dos coidados”. Así, citou que 3 de cada 4 persoas que traballaban a tempo parcial son mulleres, o que “é un síntoma dun gravísimo problema estrutural”. Chao engadiu que o CES, “a diferenza de Feijóo, entende que as mulleres tamén temos dereito a realizarnos profesionalmente. E para iso fan falta medidas de conciliación reais, socialización do sistema de coidados, corresponsabilidade e loita contra a fenda salarial. Non parques infantís cubertos, nin axudas para un terceiro fillo”.
No que se refire ao medio ambiente, o CES  salienta os potenciais beneficios dunha reorientación da economía cara parámetros máis ecolóxicos. Neste sentido, “cómpre denunciar que o que está facendo a Xunta de Galicia ao malvender o noso territorio a cambio dun prato de lentellas, non só é irracional dende o punto de vista do medio ambiente, senón que carece de sentido incluso dende a perspectiva económica e laboral. Por esa razón, o CES insta a acelerar o paso cara unha economía verde; transición que nós levamos tempo demandando”, valorou Chao.
Desta maneira, a voceira concluíu que “o futuro ten que ser ecoloxista, feminista e social. Ten que ser, en definitiva, un espazo onde todos e todas teñamos cabida. Para acadalo, o Grupo Común da Esquerda está traballado xa nunha alternativa política que, nas vindeiras eleccións autonómicas, estea en disposición de arrebatarlle o goberno a Feijóo”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

8 + 10 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.