@ManuelBaltar: “A 24ª edición do OUFF foi a mellor de toda a historia do Festival de Cine”

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os directores técnico e artístico do OUFF, Aurelio Gómez Villar e Miguel Anxo Fernández, fixeron balance hoxe, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, da 24ª edición do Ourense Film Festival que se converteu “na edición máis potente e exitosa da súa dilatada traxectoria”, salientou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial agradeceu o traballo dos coordinadores e do seu equipo de traballo, integrado por 50 persoas, “por cumprir ao 100% o programa previsto, executando tódalas propostas incluídas nesta ambiciosa programación que fixo desta 24ª edición, a mellor de toda a historia do Festival de Cine, tal e como o avalan as cifras”. Baltar destacou que o OUFF “situou a Ourense como centro de referencia do audiovisual”, un evento ao que definiu como “o indubidable Festival de Galicia” e que tivo “un gran retorno económico para a cidade”, adiantando que a vindeira edición celebrarase do 25 de setembro ao 3 de outubro de 2020, tendo como países convidados a Francia e Marrocos.

Manuel Baltar lembrou que esta edición contou con “92 proxeccións, 96 películas, incluídas as curtametraxes, sendo un Festival de Cine máis ourensán ca nunca, coa implicación de empresas de tódolos sectores, e o máis salientable: a implicación do público”. Neste sentido, destacou o importante incremento que se experimentou na asistencia ás salas de proxección e actividades paralelas con respecto á pasada edición, con 14.349 asistentes fronte aos 8.316 do ano 2018. De todas elas, asistiron ás proxeccións 9.024 persoas (6.249 no 2018), sendo xeneralizado o esgotamento de entradas en practicamente tódalas proxeccións da sección oficial, pero tamén con moita participación no resto das seccións programadas. 

O OUFF converteu a Ourense no “centro de referencia do audiovisual de España”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, tendo en conta o éxito mediático do Festival para o que se acreditaron “máis de 30 medios de comunicación e enviáronse 144 notas de prensa”. Tamén destaca desta edición do OUFF o seu impacto nas redes sociais nas que se fixeron 870 publicacións cun alcance global superior aos 3,5 millóns de impresións.

 A implicación empresarial local tamén aumentou considerablemente e entidades como Adolfo Domínguez, Pérez Rumbao, Cociña Ourense, Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Asociación de Peluqueiros de Ourense, Sabores de Ourense, Caldaria e os múltiples locais de hostalaría que usaron os manteis do OUFF apoiaron o festival, vendo nel unha plataforma de promoción.

A cidade tamén se converteu nun lugar de encontro e negocio para o sector audiovisual galego e houbo múltiples reunións de traballo que se plasmarán en proxectos que se poderán ver proximamente. 

A 25ª edición do Ourense Film Festival celebrarase, tal e como adiantaron no acto desta mañá, do 25 de setembro ao 3 de outubro, e coincidindo co Centenario da Xeración Nós, apostarase por descentralizar datas e espazos e haberá sesións matinais. Ademais, potenciarase a internacionalidade do festival tendo a Francia e Marrocos como países convidados. Neste sentido, Manuel Baltar dixo que “pechamos a 24ª edición do OUFF e xa estamos a concretar as datas da súa vindeira edición porque a planificación e a previsibilidade son as grandes fortalezas deste equipo”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres + dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.