O BNG de Oleiros insta a aclarar a procedencia do vertido que onte tinxiu de branco un treito do río de Santa Cruz

O vertido estaba localizado na área de xogos infantís do parque Luís Seoane da localidade oleirense

Pasadas as dez da mañá de onte, luns, as augas do río en Santa Cruz baixaban tinxidas dunha substancia branca, non olorosa, nas inmediacións do Parque Luís Seoane, ao carón da área de xogos infantís, o coñecido na localidade como “Parque dos Patos”. Veciñanza da zona, alertada pola tona da auga, deu aviso inmediato ao 112 para que os servizos técnicos de Augas de Galiza acudisen ao lugar e fixesen as comprobacións oportunas.

Se ben a auga voltaba xa a correr na súa tonalidade habitual pasado o mediodía, o que fai pensar nun vertido ou fuga moi puntual, o BNG de Oleiros cre necesario aclarar tanto a natureza da substancia referida como, sobre todo, o punto de procedencia. Aínda podendo ser algo fortuíto, todo parece indicar que se tratou dunha neglixencia perpetrada por mans humanas.

Nas inmediacións do Parque Luís Seoane de Santa Cruz xúntanse as augas procedentes doutros dous cursos fluviais, o río da Loba e o río do Seixo, e alí desembocan no mar, xunto ao Monumento do Emigrante, na baía de Santa Cruz, que desde hai varios anos agarda para ser declarada como espazo natural de interese local (ENIL).

Non é, nin moito menos, a primeira vez que se detectan problemas de vertidos nestes dous ríos. O mesmo alcalde, Ángel García Seoane, ten recoñecido nalgunhas ocasións que o Concello coñece da existencia de edificacións, ao longo do curso dos mencionados ríos, irregularmente conectadas aos cursos fluviais. Perante este problema recorrente, o BNG de Oleiros considera imprescindíbel intensificar os controis de disciplina e legalidade urbanística.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.