O leite e os seus derivados xeraron un terzo do volume de vendas en ecolóxico de Galicia no 2018

José González subliñou que Xanceda conseguiu, dende a súa condición de empresa familiar, converterse no segundo maior produtor de produtos ecolóxicos de España e subliñou que esta é unha “aposta segura” para o noso agro

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe que o leite e os seus derivados supuxeron o pasado ano unha terceira parte do volume de vendas certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Foron en total máis de 26 millóns de euros, é dicir, por riba do 33% dos 78,7 millóns que acadou o ecolóxico no seu conxunto dentro da nosa comunidade.

O conselleiro puxo como exemplo deste éxito a Casa Grande de Xanceda, unha explotación de leite en ecolóxico situada no concello coruñés de Mesía que hoxe visitou e que definiu como “senlleira” dentro de Galicia no seu sector. De feito, José González subliñou que Xanceda conseguiu, dende a súa condición de empresa familiar, converterse no segundo maior produtor de produtos ecolóxicos de España.

Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor que esta explotación conta con base territorial (380 vacas pacendo nunha superficie de 175 hectáreas) e “que aplica ademais, na súa produción, conceptos clave, como son a diferenciación, a vangarda, a calidade e a innovación”.

Por todo isto, José González engadiu que “esta é a liña pola que queremos transitar, a prol dun rural con futuro” e valorou especialmente a aposta polo ecolóxico que realiza Casa Grande Xanceda e que, dixo, é “unha aposta sobre seguro, tendo en conta o importante crecemento desta produción na nosa comunidade nos últimos anos”.

Neste sentido, o conselleiro destacou o incremento do 33% no volume de vendas certificadas polo Craega, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano, e ademais que a superficie inscrita en ecolóxico medrou nun 5,8% no último ano, ata aproximarse ás 34.000 hectáreas certificadas en toda Galicia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

9 + once =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.