O Parlamento Galego demanda ao Goberno central accións para garantir o mantemento de Alcoa en San Cibrao

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central que realice todas as accións necesarias encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo das factorías de Alcoa en San Cibrao, así como garantir un marco enerxético estable e competitivo, aprobando, de xeito inmediato, o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas, no que se incorporen as alegacións presentadas en conxunto pola Xunta de Galicia e as compañías galegas

O deputado popular Daniel Vega salientou que “as factorías Alcoa en San Cibrao teñen un carácter estratéxico por canto constitúen o principal motor económico e laboral da Mariña lucense e un dos máis importantes da nosa provincia, onde incluso representa o 30 por cento do seu produto interior bruto”. Ademais, lembrou que “estamos a falar da principal fonte de emprego directo para máis de 1.100 familias, ás que se engaden os 5.000 postos de traballo indirectos”.

ELEVADÍSIMO INCREMENTO DO PREZO DA ELECTRICIDADE

“A factura eléctrica representa un dos gastos máis importantes da conta de explotación desta factoría e os elevadísimos incrementos do prezo que están a ter lugar nos últimos meses poñen en risco a viabilidade e futuro deste complexo industrial, sen que o Goberno central adopte as medidas ás que se comprometeu, entre elas, a aprobación do Real Decreto que incorpora o estatuto de consumidores electrointensivos”, lamentou Daniel Vega.

En concreto, apuntou que esta ferramenta “debe establecer unha combinación de medidas que protexan a competitividade das empresas das compañías altamente dependentes da enerxía abaratando o custo final do subministro, unha variable especialmente necesaria para empresas que compiten nun mercado global”. Vega explicou que “neste momento o prezo da electricidade en España é moi caro, moito máis elevado que noutros países competidores directos como Alemaña ou Francia: está fixado en 50 euros o megavatio, un prezo inviable para que Alcoa se manteña, xa que por enriba dos 40 euros a empresa corre graves riscos de peche”.

SEN POLÍTICA INDUSTRIAL NIN ENERXÉTICA

“A actuación deste Goberno socialista e a realidade dos feitos demostran que España nin ten política industrial nin ten política enerxética, con consecuencias imprevisibles para Galicia e para miles de traballadores”, indicou o deputado popular, quen subliñou que “os galegos e galegas, tampouco a veciñanza da Mariña e da provincia de Lugo, merecemos un Goberno central que se dedica a cortocircuitar o futuro industrial de Galicia”.

O deputado popular demandou que o Goberno central “faga público o proxecto de estatuto para as empresas electrointensivas, porque deixar o prezo do megavatio por enriba dos 40 euros fará inviable o mantemento de Alcoa en San Cibrao”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

9 − 8 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.