O PP de Vilalba rexeita a proposta de consenso de @PSdeG_Vilalba e @Vilalbaaberta sobre a situación da térmica das Pontes

O Pleno Extraordinario ao respecto da situación da Central Térmica de As Pontes celebrado hoxe en Vilalba, rematou sen acordo logo de que o Grupo Municipal Popular rexeitara a proposta de consenso firmada polos voceiros de PSOE e Vilalba Aberta.

Unha emenda á moción orixinariamente presentada polo PP que tanto a voceira socialista, Marta Rouco, coma o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, definiron de “electoralista e partidista”, así coma de pretender “rachar a dinámica de unidade da corporación” en relación cunha problemática ”de vital importancia para moitos veciños/as de Vilalba”

Neste sentido, á antedita moción tipo defendida polo Partido Popular (a mesma que presentou no conxunto de Concellos afectados), as dúas formacións que actualmente conforman o Goberno de Coalición no Concello de Vilalba contrapuxeron unha proposta de acordo na que figurara o “total apoio e solidariedade” do Pleno cos traballadores da Central Térmica de Endesa en As Pontes, coa industria auxiliar, cos transportistas vencellados a ela e co Porto de Ferrol, reclamando ao Goberno do Estado e da Xunta de Galicia “o impulso de iniciativas que contemplen dun xeito coordinado a necesidade de apostar por un modelo racional de descarbonización e de transformación enerxética, suave e progresiva, a aposta pola economía circular e o mantemento e o impulso do emprego.”

O voceiro do PP, Agustín Baamonde, que na súa primeira intervención ratificouse na  idea de que no acordo figurara a petición de dimisión da Ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, en tanto que “principal responsable da situación da central”,  mostrouse reticente á proposta de PSOE e Vilalba Aberta e esixiu, na última quenda de intervencións, que figurara a reclamación en baleiro ao Goberno de España a fin da  “inmediata reapertura da central.”

O Grupo Popular rexeitaba así unha declaración de consenso, o que, ao xuízo da concelleira socialista, Marta Rouco, “demostra unha vez máis que o Partido Popular actúa neste tema por intereses exclusivamente electoralistas” e para tratar de “obviar as responsabilidades da Xunta de Galicia, que nestes 10 anos de goberno do PP nin sequera perfilou unha estratexia de impulso industrial.”

Pola súa banda, o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, censurou a actitude do Partido Popular e lamentou a ocasión perdida de dar exemplo diante da cidadanía. “Se entramos no debate do reparto de culpas podería haber propostas diferentes, pero a división e o electoralismo non solucionarán os problemas da  veciñanza afectada. É unha cuestión que se debe abordar con seriedade, e cremos que era bo chegar a un acordo”.

Na mesma liña se pronunciou a Alcaldesa, Elba Veleiro, quen pechou o debate poñendo en valor o exemplo que se viñera dando dende a corporación vilalbesa nas sucesivas convocatorias e mobilizacións. A este respecto, reclamou “unidade na acción das institucións e no conxunto da veciñanza” para reivindicar o “mantemento dos postos de traballo, unha transición ecolóxica suave e progresiva, e a reactivación industrial  nas comarcas afectadas.”

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.