O V Encontro Nacional de Delegadas da @galizaCIG acorda loitar pola dignificación do traballo de Coidados

Preto de 250 delegadas da CIG déronse cita está mañá no V Encontro Nacional de Mulleres para analizar os cambios lexislativos introducidos co Real Decreto de Medidas Urxentes para garantía de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación; realizar un seguimento da campaña Xa é hora de avanzar nos nosos dereitos, iniciada o pasado ano, aspectos da cal empegaremos para centrar a campaña do 25-N; avaliar a situación político-sindical; fixar as estratexias para avanzar na loita feminista, nacionalista e de clase, máis alá de datas senlleiras como o 25N ou o 8M, e debater arredor das accións a desenvolver de cara ao ano 2020.

Así o explicou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, na rolda de prensa celebrada con motivo do encontro, na que salientou que as mulleres da central sindical concordaron na necesidade de articular, arredor do 25 de Novembro , unha campaña para denunciar, baixo o lema A precarización do traballo noscoidados é violencia machista, “a explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a minusvaloración e a precarización cada vez maior deste tipo de traballos, non só pola falta de corresponsabilidade no fogar e a dobre carga mental ou a dobre xornada que experimentan moitas mulleres, senón tamén pola precariedade laboral destas”.

A este respecto sinalou a temporalidade, eventualidade e salarios míseros, por debaixo de convenio e da contía do SMI, que teñen e que e non poucos casos “se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas”, isto xunto á falta de EPI’s, problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso laboral e por razón de sexo, concrecións horarias da xornada con variacións diarias… “todo isto coa complicidade da Xunta, dos concellos e das propias empresas concesionarias dos servizos”.

Unha campaña da que Corral explicou que non estaría centrada só nos Servizos de Axuda no Fogar, senón tamén nas residencias de terceira idade, centros de día, escolas infantís ou comedores escolares, nos traballos de limpeza e de asistencia no fogar, entre outros e que sería continuidade da que a secretaría da Muller vén desenvolvendo desde antes do verán en demanda da recuperación dos dereitos perdidos polas mulleres.

Nese sentido, no marco do propio Encontro, Carme Antas, secretaria nacional das mulleres da federación de Servizos explicou que se escolleu este sector porque nun 95% son mulleres as que coidan aos nosos maiores, tanto en zonas urbanas como rurais. Mulleres que, nun 99% dos casos traballan a tempo parcial e ás que, ademais “nun mesmo mes modifícaselles a xornada até 6, 7 ou 10 veces e de que non saben, a primeiros de mes, que xornada van ter todo o mes”.

Antas denunciou que o convenio deste sector está sen negociar desde 2012, aínda que segue vixente porque mantivo a ultraactividade, pero no que mesmo a asociación de empresas de Axuda no Fogar “decidiu disolverse para evitar aplicar o convenio galego na Galiza e poder aplicar o convenio estatal porque é peor”.

Xunto a isto sinalou que a secretaría das mulleres acordou facer coincidir esta campaña “cunha de acción sindical forte desde a federación de Servizos” que contará co apoio e colaboración de toda a CIG co obxectivo de acadar melloras nas condicións dos sectores de coidados e, no caso dos SAF, presionará patronal para que sente a negociar un novo convenio.

Concentracións en todas as comarcas

Xunto a isto e para o propio 25 de Novembro, as asistentes acordaron convocar concentracións en todas as comarcas e unións locais que así o decidan, ás 12:00 horas, diante dos concellos, “para denunciar a hipocrisía dos gobernos que ese día amosarán o seu compromiso contra a violencia machista, cando están escravizando ás mulleres que dedican a súa vida ao traballo mal pagado e precario dos coidados”, explicou Corral, quen subliñou que “queremos quitarlle a careta a eses concellos que o 25-N van facer plenos extraordinarios e pendurar lazos e crespóns negros nas fachadas deses espazos teoricamente libres de violencias machistas e son quen precarizan a estas traballadoras”.

Ademais acordouse tamén participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas do país con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista.

Cambios lexislativos

No encontro informouse e debatéronse os cambios introducidos a través do RD 6/2019, que introduciu modificacións na Lei de Igualdade e no Estatuto das traballadoras e Traballadores. Un Real Decreto a respecto do que, no decurso do debate, as propias delegadas salientaron que xa se están a sentir os efectos da ampliación das baixas paternais, xa que agora tamén os homes sofren as consecuencias de pretender compatibilizar os labores de coidado co traballo asalariado, mesmo sendo obxecto de despedimentos, situacións de desigualdade e discriminación que até o de agora só padecían as mulleres, polo feito de seren nais.

Estratexia 2020

De cara ao ano 2020, no Encontro avaliouse a estratexia a seguir, nos vindeiros meses, tendo en conta que tras dúas folgas de mulleres, unha delas xeral na Galiza, “non houbo resposta dos gobernos ás nosas demandas e que a data da conmemoración do vindeiro 8 de marzo coincide en xornada de domingo”.

400

Paralelamente, entendeuse necesario continuar coas campañas desestacionalizadas, sostidas no tempo, cunha dinámica mobilizadora. Así, acordouse convocar unha Xornada Nacional de Loita a desenvolver durante a semana do 2 ao 8 de marzo, no marco dunha sexta edición do Encontro Nacional de Mulleres da CIG, para avaliar o traballo desenvolvido neste período e saír en mobilización para exixir un cambio de sistema que pase necesariamente por un cambio nas relacións da reprodución para poder cambiar as relacións de poder.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 + diecinueve =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.