Saúde Mental FEAFES Galicia reivindica máis estratexias e políticas para a prevención do suicidio

O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental para dar a coñecer a realidade das persoas con enfermidade mental e trasladar aos axentes competentes as súas preocupacións, reivindicacións e necesidades

Mañá, 10 de outubro, conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde e a participación de numerosas persoas e entidades de Galicia e de todo o mundo. Este ano, a conmemoración xira en torno ao suicidio, considerado pola OMS un dos problemas máis graves de saúde pública e que, consecuentemente, debe ser atendido de forma prioritaria.

Baixo o lema “Conect@ coa vida”, queremos reivindicar unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos. É preciso traballar na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na visibilización desta realidade que está tan oculta na sociedade.

Os datos revelan que no mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade. Galicia, lamentablemente, está no máis alto da clasificación de suicidios a nivel estatal, sendo a segunda comunidade autónoma con maior taxa de incidencia, superada tan só por Asturias. Estamos a falar de arredor de 300 mortes por suicidio ao ano, converténdose este nun problema sanitario e social de significativa relevancia na nosa comunidade.

Non obstante, previr os suicidios é posible. Para iso, é importante falar desta realidade, desterrar os falsos mitos que existen arredor dela e eliminar o tabú para que as persoas que se atopan en risco podan buscar axuda. A prevención do suicidio comprende unha serie de actividades que van dende a educación na infancia e na mocidade ata o tratamento eficaz dos trastornos mentais, pasando por un control ambiental dos factores de risco e unha difusión apropiada da información.

Por iso, chamamos aos medios de comunicación a tratar dun xeito responsable a información sobre o suicidio para concienciar á poboación, promover a súa prevención e axudar a reducir a súa incidencia. Chamamos a todos os cidadáns a visibilizar esta realidade, tratala con respecto e poñerse en mans de profesionais cando sexa necesario. Chamamos ás administracións públicas a comprometerse coa problemática do suicidio e a colocala no lugar que lle corresponde dentro das axendas políticas e sanitarias.

O suicidio debe ser abordado dun xeito transversal, sendo necesarias políticas de prevención en materia de saúde pública dotadas dos recursos materiais, económicos e humanos necesarios. Esiximos, por tanto, que o Plan de Prevención do Suicidio de Galicia teña unha implementación real, efectiva e firme, estando á altura das necesidades que existen neste eido.

Dende aquí, queremos convidar á cidadanía a participar nas actividades coas que conmemoraremos o Día Mundial da Saúde Mental nas diversas localidades galegas, co ánimo de tomar conciencia sobre a necesidade de visibilizar a realidade do suicidio e traballar na súa prevención para mitigar os seus efectos e reducir a súa prevalencia.

Saúde Mental FEAFES Galicia

Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en máis de 30 localidades e conta con arredor de 7.000 socios.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

10 − 8 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.