Saúde mental sen ataduras. Contencións cero

10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental: Praza do Toural (Santiago de Compostela) Ás 19:30 horas  

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) súmase aos actos promovidos pola OMS para este día, co propósito de contribuír a un mellor coñecemento sobre os problemas de saúde mental, á mellora na súa atención e o fortalecemento dos dereitos ás persoas con problemas de saúde mental.

O respecto aos Dereitos Humanos é condición indispensable na asistencia en xeral, e ha de converterse no principio reitor na atención á saúde mental. A Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (ONU; ratificada por España en 2008) marca de forma inequívoca as directrices para garantir tales dereitos.

Pola contra, na actualidade convivimos con vulneracións sistemáticas dos dereitos ás persoas con problemas de saúde mental. A súa máxima expresión é o uso de prácticas de coerción durante os ingresos hospitalarios ou residenciais. Falamos do uso da contención mecánica, que consiste no uso de correas ou outros métodos de fixación para restrinxir e inmobilizar a unha persoa, xeralmente nunha cama, por tempo indeterminado.

O uso da contención está cualificada como un trato inhumano e degradante, e diversos organismos internacionais, pertencentes á ONU e á Unión Europea, advirten a España sobre o uso desta práctica discriminatoria, humillante e perigosa para a seguridade da persoa.

Tamén recomendan avanzar nos cambios lexislativos necesarios e a posta en marcha de medidas efectivas que favorezan a erradicación da contención mecánica e outras medidas de coerción.

É posible eliminar o uso das contencións. O primeiro paso é querer facelo. Desafortunadamente, en xaneiro de 2019 non saíu adiante unha proposición non de lei relativa á contención mecánica pola votación en contra do Partido Popular.

É un atraso inexplicable, a tenor da cantidade de documentación e experiencia acumulada de plans de eliminación do uso das contencións en diversos países da nosa contorna. As principais medidas recomendadas teñen que ver con:

– Cambios normativos – Protocolos de vixilancia e rexistro das contencións. Análise das medidas realizadas previamente para evitar chegar a utilizar a contención mecánica. – Implicación do movemento en primeira persoa, tanto na elaboración dos plans e guías, como na formación ou formando parte dos equipos profesionais. – Formación aos profesionais en medidas alternativas ao uso da contención. – Aumento da dotación profesional (a precariedade dos equipos asistenciais é unha das razóns do uso da contención).

O Movemento Galego da Saúde Mental convoca a todas/os a participar no acto que se realizará en Santiago de Compostela, o xoves 10 de outubro, ás 19:30 horas, na Praza do Toural (Santiago) onde realizaremos un acto de contención, co fin de dar a coñecer o uso da mesma e que pode implica nas persoas que a sofren.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

once − uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.