Taekwondo. Noa Romero medalla de bronce no Campionato de Europa Cadete

Noa non deixa de dar alegrías. Noa Romero (-33 quilogramos, Natural Sport Riveira) acadou a medalla de bronce no Campionato de Europa Cadete que se está a disputar en Marina D´Or (Castellón) do 1 ao 3 de outubro.

A galega venceu en tres combates e caeu nas semifinais contra a representante belga.
E iso que o cadro non era precisamente sinxelo. En primeira rolda Noa tiña como rival á turca Suheda Yangin. Foi un combate moi disputado e axustado, que se inclinou a favor da nosa deportista (10-7), a cal estivo moi centrada e xogou as súas cartas con intelixencia. No segundo enfrontamento tivo como contrincante á grega Elisavet Panagiotidou e Noa controlou a perfección a súa rival coa perna adiantada e gañou con facilidade (23-1).

En cuartos de final loitou contra Emily Kunz, xa unha coñecida doutros torneo, e a nosa representante foi moi superior e venceu por 30 puntos de diferenza (49-19).
A medalla quedou así asegurada, pero a pequena Noa é moi ambiciosa e quería meterse na final. Pero non puido ser. Na semifinal enfrontouse á belga Hanne Waerzeggers, quen controlou moi ben as distancias e logrou vencer por 20-10. Precisamente Warzeggers logrou o título de campioa de Europa, mentres que Noa Romero, no seu primeiro Europeo, xa que é cadete de primeiro ano, acadou a medalla de bronce, nunha excepcional actuación. Pola súa banda, a belga e a turca xa representaran aos seus países no último Mundial cadete, polo que tiñan moita máis experiencia que a nosa representante, pero Noa compensa todo coa súa enorme ilusión e traballo.
Hoxe  será a quenda de Samuel Meilán (-47 quilogramos, Tao), que xa coñece a seu primeiro rival: o israelí Ori Torgeman. E o xoves será o momento de Sergio Troitiño (+65 quilogramos), co que pecharemos o Europeo cadete e a participación galega no mesmo.
A continuación (do 4 ao 6 de outubro) e tamén en Marina D´Or celebrarase o Europeo júnior, no que Galicia terá unha importante representación. Alí estarán María Ferreiro (-44, Couto), Diana Siota (- 49, Couto), Cloe Iglesias (-59, Patiño Moaña), Ainhoa García (-63,
Couto), Desiree Rivadulla (+68, Suh Sport) na categoría femenina e Giovanni Imparato (-51, Mace Sport), Alejandro Paz (-55, Natural Sport Riveira) e Pablo Patiño (-68, Patiño Moaña) na masculina.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

18 + trece =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.