TIRANDO DA LINGUA. A naturalidade do amor antinatural. Por @dulceCorcu

Sí, porque ese pregón de titular onde as futbolistas do Depor, Teresa Abelleira e Patricia Curbelo, amosan a súa relación, non tería cabida tratándose dunha parella heterosexual. Sabemos con frecuencia das parellas de moitos futbolistas, e tamén dos seus casamentos, e nunca temos visto que se engada que levan o seu amor con “naturalidade” porque é algo que se da por feito. Que non estraña a ninguén nin hai outro xeito de vivilo. Pero claro, dúas mozas namoradas aínda son nova de alcance para algúns medios, por enriba dos méritos profesionais que deberan ser os que deran título a unha entrevista, e non a opción sexual que compartan e que, finalmente, convértese no único que moita xente acabará lendo.

Teresa Abelleira é unha prometedora xogadora galega que milita no Depor feminino, igual que a porteira canaria Patricia Curbelo, que desgranan as súas traxectorias profesionais e tamén recoñecen unha relación persoal da que din que non teñen porque agochar, algo lóxico que nin sequera debería ter que ser mencionado. O entevistado obvia calquera dos méritos futbolísticos no titular para centrarse no asunto amoroso, nesa relación lésbica que probablemente sabe que espertará o morbo dun sector dos lectores, e por iso mesmo é o que acapara o titular. O resto é secundario, xa queda para os curiosos que teñan interese nalgo máis que en saber que dúas mulleres poden namorarse e vivilo con absoluta naturalidade. Que non se diga que non somos modernos.
Moitas veces, demasiadas, a prensa é acusada de cómplice e colaboradora necesaria de propagar machismos, de cuestionar á vítima en vez de ao agresor, ou de concederlle a éste un trato ambigüo, incapaces de falar de asasinatos cando se trata da violencia de xénero e as mulleres únicamente “morren”. A linguaxe é tan poderosa e cala tan fondo coma un coitelo, por iso é tan importante coidala. Que dúas mozas cunha sólida carreira profesional sexan portada de xornal porque atoparon o amor con alguén do seu mesmo sexo, é só unha mostra máis dese machismo latexante e vixente aínda en tantas redaccións. O amor é sempre natural. O antinatural quizais sexa miralo con outros ollos, e atopar niso algo extraordinario.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.