Tirando da Lingua. Que ningún coño deixe de ser insumiso, Por @DulceCorcu

Aínda que iso poida custar visitar xulgados, pagar multas, e transitar vía crucis para que uns pobres varóns ofendidos recuperen o sono perdido despois de ter visto unha gran vulva de cartón “procesionar” polas rúas de Sevilla. Tres mulleres enfróntanse a partires de hoxe a un xuízo por esa “performance” na manifestación do 1º de Maio de 2.014, acusadas de ofender sentimentos relixiosos dun grupo de fanáticos que pensan que seguen vivindo na España da Inquisición. E bueno, quizais non vaian moi desencamiñados.

Que alguén se sinta molesto non debera significar necesariamente que sexa sequera ofensivo. A percepción particular é cousa de cada un, por iso non se entende que alguén teña interese en gastar o tempo e os recursos públicos admitindo a trámite estas lerias.  Que, por se fora pouco, teña que ver con pretendidos sentimentos relixiosos nun Estado que se declara aconfesional na súa Constitución, só é a guinda do disparate. Pero mentras, elas, esas tres mulleres, mañán terán que sentarse diante dun xuíz para explicar que coño fixeron. Parece surrealista, pero xa nada o é nesta España decadente que volta con forza a tempos decimonónicos onde só se salvan os señoritos de toda a vida. Coma ben vimos de ver coa absolución do neto de Franco, absolto de conducir borracho, en sentido contrario, sen luces e atropellando a dos gardas civís. Absolto. Tan inmaculado coma sempre quedaron os dos xenes con pedigrí.
A xente normal, a de a pé, non conta case nunca co favor nin da Lei, nin da Xustiza. Hai que dar a batalla contra a superstición, o ultramachismo e o ultracatolicismo de fundamentalistas sen turbante pero de igual mentalidade. Que poidan permitirse sentar nun xulgado a mulleres inocentes dun país supostamente libre e democrático, só indica que algo cheira a podre, que hai unha mazá podrecendo o resto do cesto. E que se normalice e non haxa nas instancias pertitentes unha iluminada cabeza que non dea pábulo a estes fanatismos, non só preocupa, senón que atemoriza. Precisamente o efecto que buscan: caladiñas outra vez, na casa, coidando nenos e vellos e, sobre todo, facendo do coño un parque de atracións para cando o marido chegue con gañas aínda que ti non as teñas. Pois nin de coña!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres + 15 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.