Xornada de reivindicación para a Educación Social

Mañá 2 de outubro conmemórase o Día Internacional da Educación Social, unha profesión cada vez máis presente en todos os sectores, aínda con importantes retos por diante

Esta data destacada para as profesionais desta disciplina serve para facer visibles as súas reivindicacións. O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) sinala entre eses principais retos o da consideración da educación social como un dereito da cidadanía a través dunha lei galega. Isto recoñecería o dereito de todas as persoas a un acompañamento socioeducativo especializado cunha atención integral a través de equipas multidisciplinares, nos que non pode faltar a Educación Social. O Ceesg manifesta tamén outras demandas relevantes, como a creación dunha categoría propia e exclusiva nos corpos de persoal da Xunta de Galicia, a implementación da figura no sistema educativo e en determinados recursos do Sergas, o cumprimento do decreto de Servizos Sociais por parte dos concellos galegos, ou poñer fin ao intrusismo laboral, que ten unha alta incidencia nesta profesión.

As educadoras e educadores sociais son profesionais comprometidas/os coa transmisión cultural, a mediación social e a xeración de redes educativas e sociais. A súa acción baséase, entre outros, nos principios de respecto aos dereitos humanos e de xustiza social, baixo as pautas dun código deontolóxico que regula a súa intervención profesional. Poden ter presenza en calquera ámbito no que poida darse a acción socioeducativa (saúde, educación ambiental, escolas, orientación laboral, institucións penais, tempo libre, desenvolvemento comunitario, etc.) e en múltiples sectores de poboación (infancia e adolescencia, persoas maiores, persoas migrantes, mulleres, familias, diversidade funcional, diversidade cultural, adiccións,…) Trátase polo tanto dunha profesión en si mesma moi diversa, versátil e en constante evolución, mais sempre co obxectivo de mellorar o benestar das persoas tendo en conta as súas necesidades, potencialidades e expectativas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 + tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.