A Asociación Contracorrente de Lugo rexeita as medallas de ouro dos exalcaldes

O presente manifesto está elaborado conxuntamente por distintas asociacións culturais e colectivos sociais do municipio de Lugo para amosar o seu rexeitamento contra a entrega de medallas de ouro aos alcaldes que tivo a cidade dende a Transición, por incluir entre esas condecoracións municipais a rexedores que se atopan investigados por corrupción ou que foron condenados de xeito firme.

Concretamente, vén de confirmarse no mes de outubro o mantemento da imputación do alcalde inmediatamente anterior a actual alcaldesa Lara Méndez, José Luis López Orozco, no auto de peche da instrucción do Caso Garañón, por varios delitos graves contra a ordenación do territorio, prevaricación, tráfico de influencias e falsidade documental durante o desenvolvemento urbanístico das Torres de O Garañón, cuxa construcción autorizou o Concello de Lugo, atentando contra bens patrimoniais protexidos e declarados BIC, como a contorna do Parque Rosalía, as Termas Romanas e o Sanatorio Portela. Está non é a única investigación sobre corrupción facendo uso da súa autoridade pública que se mantén aberta contra Orozco, pois os cargos que se lle imputa na peza sobre o contrato público fraudulento da ORA seguen en pé, e os referentes á contrata do servizo de recollida de vehículos da vía pública só foron sobreseídos de xeito provisional.

Estes colectivos lembran que outros dos alcaldes non reúnen as condicións mínimas para ser recoñecidos pola súa labor ao frente do Concello. Por unha parte, Tomás Notario Vacas foi o alcalde que máis patrimonio histórico e cultural de Lugo destruíu para favorecer a especulación inmobiliaria e a explotación económica, cos casos máis destacados do Convento das Salesas, o Seminario Menor ou o edificio de Barras Eléctricas. Por outra, o alcalde Vicente Quiroga tamén destruiu importante patrimonio histórico, como as necrópolis romanas de Santo Domingo e Praza do Ferrol e chegou a ser condenado por sentenza firme por un delito de falsidade documental contra a Facenda Pública. Tamén destacan o derrubamento do Gran Teatro durante o mandato de Joaquín García Díez.

Por ser impulsores do Plan Xeral de 1990 e do actual Plan Xeral, respectivamente, Vicente Quiroga e López Orozco, tampouco son merecedores dun premio por parte do Concello de Lugo en representación da veciñanza, pois eses son os documento que máis perxúizos acarrearon á cidade, por favorecer os intereses particulares das grandes construtora en detrimento do interese xeral, do patrimonio, do medio ambiente e da contorna rural.

Todos estes alcaldes son únicamente exemplo da anteposición do negocio privado ao ben común, e polo tanto claramente indignos dun recoñecemento de bo facer democrático. Entregarlles medallas de ouro a estes ex alcaldes suporía convertir nun paripé hipócrita unhas condecoracións que deberían servir para facer pedagoxía da verdadeira soberanía popular e recoñecer a quen realiza labores verdadeiramente desinteresadas en favor da mellora da calidade de vida da veciñanza lucense.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

12 − 10 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.