A Deputación de Lugo destina o 33% do orzamento a políticas sociais

A Deputación de Lugo consolídase como referente en políticas sociais destinando a este eido o 33% do Orzamento do 2020, que ascende a case 92M€ (91.742.793,61€), incluído o da propia entidade provincial, o de SUPLUSA e o do Consorcio de Bombeiros. Así o explicou o Presidente, José Tomé Roca, que, xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro, e a Deputada de Economía, Facenda, Recadación e Contas, Mayra García, presentou este mércores no Salón de Actos o proxecto de Orzamentos do vindeiro ano.

Tomé Roca convocou hoxe mesmo a Comisión de Contas para o vindeiro luns, co fin de someter a debate e aprobación as contas nun Pleno extraordinario o xoves da vindeira semana, 5 de decembro. Deste xeito, “cumpriremos co obxectivo que nos marcamos ao principio do mandato de ter en vigor os orzamentos dende primeiros de ano, pois só desta forma son verdadeiramente eficaces e cumpren cos obxectivos para os que están elaborados”, afirmou o Presidente.

Os presupostos aumentan 3,2M€, preto dun 4%, con respecto aos deste 2019, un incremento debido fundamentalmente á subida da participación nos tributos do Estado.

No Orzamento de 2020 reflíctese a decisión de disolver a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) e elimínase a achega da Deputación ao ente mercantil porque, ao estar en fase de liquidación, non é necesario aportar fondos tendo en conta ademais os recursos existentes na propia sociedade.

O Presidente subliñou que o Orzamento 2020 “está pegado á realidade da provincia e aplica a través da cooperación cos concellos políticas progresistas para favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e o impulso da economía e o emprego, mantendo ao mesmo tempo a consolidación e a solvencia da Deputación en termos económicos financeiros”. Así, o organismo provincial, afirmou, contribúe a “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia e a fixar poboación, axudando a combater coas ferramentas que temos a grave caída demográfica que estamos a sufrir”.

Para iso, asegurou José Tomé, os presupostos potencian catro grandes liñas de actuación. A prioritaria son as políticas sociais, para o están destinadas partidas que superan os 30M€, o que represente preto do 33% do total dos presupostos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

quince − 8 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.